O Congreso avala en comisión o acordo PSOE-ERC sobre a sedición e a malversación

As forzas do Goberno español sacan adiante o texto na Comisión de Xustiza grazas ao apoio da propia Esquerra e do PNV.
O presidente da Comisión de Xustiza do Congreso, Felipe Sicilia, conversando esta mañá co seu vicepresidente segundo, Carlos Rojas. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera O presidente da Comisión de Xustiza do Congreso, Felipe Sicilia, conversando esta mañá co seu vicepresidente segundo, Carlos Rojas. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

A Comisión de Xustiza do Congreso aprobou esta terza feira a proposición de lei que suprime o delito de sedición e que inclúe unha reforma do delito de malversación pactada por PSOE e ERC. O texto saíu adiante con 19 votos a favor de socialistas, 'morados', Esquerra e PNV fronte aos 17 en contra de PP, Vox, Cs, Junts e CUP, mentres que EH Bildu optou por absterse. Tras este trámite, elevarase o ditame ao pleno do Congreso, onde se require maioría absoluta —176 votos—, xa que se trata dunha norma de rango orgánico.

A Comisión decorreu esta terza logo de que na tarde da segunda feira PSOE, Unidas Podemos e ERC aprobasen nunha reunión a porta fechada do relatorio os cambios propostos polo Goberno español máis a reforma do delito de malversación, que agora queda xa incorporada á lei que suprime o delito de sedición, xusto os dous delitos polos que foron condenados os líderes do procés independentista de 2017.

Duras críticas da dereita e a ultradereita

Na súa quenda de palabra, o portyavoz de Xustiza do PP, Luis Santamaría, sinalou que con estas modificacións, o presidente do Executivo, Pedro Sánchez, pasará á historia por "deconstruír España" e por "demoler o pacto da Transición", alén de por tender "unha ponte de prata" ao líder de ERC, Oriol Junqueras, para ser candidato á Generalitat e por "contribuír" a que cada vez estea "máis perto" un referendo pola independencia de Catalunya.

Aliás, denunciou a "tramitación atropelada" da proposición de lei e asegurou que o grupo socialista busca "lexislar á carta" servindo ao interese duns poucos e non da maioría. Por iso, e ante o que cualificou de "fraude de lei" e "disparate", anunciou que presentarán os recursos pertinentes pola vía xudicial para frear estas reformas impulsadas por un presidente ao que chegou a tachar de "autoritario".

Nun ton máis severo pronunciouse o portavoz da ultradereita de Vox, Javier Ortega-Smith, quen dixo que se está a producir "un golpe de Estado institucional" e que coa supresión da sedición e a rebaixa da malversación "só favorecerán os que con violencia e intimidación levan décadas tentado romper a unidade de España".

No bloque do 'non' se situou tamén o portavoz de Ciudadanos, Edmundo Bal, quen denunciou que se asiste a "un dos máis graves atentados da historia da democracia española contra o Estado de Dereito e contra a Constitución". Así, lamentou que se lexisle de maneira "innóbel e á carta" para "favorecer ad hominem a cambio de permanecer no poder" durante o que queda de lexislatura. "Un mercadeo absoluto", apostilou, apuntado que o Estado español pagará "un prezo carísimo" por sacar adiante os Orzamentos.

Recuperar pontes

Fronte a estas palabras, o portavoz de Xustiza do PSOE, Francisco Aranda, lamentou "a rifa e a mala educación" que se vive no Congreso polas palabras da oposición, e defendeu que a proposición de lei e as emendas aprobadas saen adiante "no exercicio da democracia e ao amparo da capacidade lexislativa" dos diferentes grupos.

Nesta liña, apuntou que esta modificación vai no camiño do que se propuxo o PSOE e o seu socio de Goberno en 2019 tras gañar as eleccións xerais, que era "recuperar pontes coa sociedade catalá" e dar unha oportunidade á política. Así, defendeu que a España e a Cataluña de 2022 "queren política" e que o problema vén de quen non cren nela, de quen "deshumanizan" o adversario e deslexitimizan o Goberno.

Pola súa parte, o presidente do grupo parlamentario de Unidas Podemos, Jaume Asens, explicou que o que se busca coa modificación da malversación é mellorar a "auténtica chapuza" que fixo o PP en 2015. Sobre a eliminación do delito de sedición, indicou que se trata dunha reforma positiva a pesar das "sombras" que quedan, e especificou que non lles gusta o delito de desordes públicas agravadas porque inclúe conceptos ambiguos, penas elevadas e deficiencias.

"Quedamos a metade de camiño pero hai correlación de forzas e chegamos o máis lonxe posíbel", apuntou, para engadir que, cando menos, acabou coa 'espada de Damocles' que pendía sobre os manifestantes polo delito de sedición. "É un avance democrático", concluíu.

Diversidade no voto nacionalista

A portavoz adxunta de ERC, Carolina Telechea, indicou que a reforma que se aproba é positiva a pesar da "evidente" marxe de mellora porque agora ningún manifestante poderá ser condenado por sedición. E sobre a reforma da malversación, engadiu que "as dereitas deberían estar contentas", aludindo a que son as que máis condenas por este delito poden acumular. E engadiu que o que se fai con estas modificacións é "democratizar un Código Penal que é dos máis punitivos de Europa".

Con todo, para o portavoz de Junts, Josep Pagès, con esta reforma da sedición ERC asume que o referendo de 2017 foi un delito, polo que consideran que esta modificación "improvisada" empezou mal "e acabou peor". Ao fío, lamentou que o novo delito de desordes públicas agravadas contén indeterminacións e mantén o suposto de intimidación, polo que teme a interpretación que poidan facer nos futuro xuíces ou fiscais que estean "fóra de control". "É unha tolemia", apostilou, para logo engadir que a reforma da malversación é outro "desvarío" porque vai en contra da normativa europea.

Tamén se pronunciou en contra a deputada da CUP Mireia Vehí, ao considerar que coa nova redacción as mobilizacións do independentismo seguen merecendo castigo con delitos especiais, e apuntou que o dereito penal debería lexislarse pensando que o vai aplicar "o peor dos inimigos". "Que pasaría se o aplica un Goberno de PP e Vox?", preguntouse, para logo lamentar que a reforma da sedición segue contemplando o concepto de intimidación.

Desde o PDeCAT, Genís Boadella defendeu que as reformas son positivas porque se elimina a sedición e limítase a malversación para que diferentes supostos non merezan idéntico reproche penal. "Entendemos que pode servir como boa ferramenta", engadiu.

O portavoz de EH Bildu, Jon Iñarritu, apuntou que estas reformas son positivas e necesarias, e que amoldan a lexislación española a parámetros europeos. Aliás, precisou que a desxudicialización do conflito político en Catalunya é positivo.

Nesta liña, o portavoz do PNV, Mikel Legarda, explicou que a reforma é un paso na boa dirección para desjudicializar o procés catalán, e supón a posta ao día do Estado "para abordar a cuestión política catalá e tamén vasca". "As reivindicacións políticas deben abordarse politicamente", sentenciou.

Rego votará en contra por "criminalizar a protesta"

Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, trasladou o seu apoio á derrogación do delito de sedición e aos cambios relativos ao de malversación pactados polo PSOE e ERC, mais avanzou que votará en contra desta reforma de Código Penal porque, ao seu xuízo, o novo delito de desordes públicas agravadas "criminaliza" a protesta social.

Nunha rolda de prensa na Cámara Baixa, Rego explicou que manterá vivas as súas emendas para tentar corrixir este punto, pero deixando claro que "de ningún modo" poderá apoiar unha proposta que substitúa o "anacrónico" delito de sedición por outro de desordes públicas agravadas que, desde o seu punto de vista, "criminaliza o exercicio do dereito de manifestación".

Con todo, o deputado nacionalista saudou o acordo alcanzado sobre a reforma da malversación que, ao seu xuízo, devolve a "gradación" e a "proporcionalidade" das penas coas que acabou a reforma aprobada en 2015 a pedimento do Goberno do PP, se ben considerou "demasiado laxo" o limiar estabelecido de 250.000 euros de incremento de patrimonio para xulgar este delito.

Comentarios