O PSdeG acusa Rueda de "branquear a extrema dereita que os galegos rexeitaron"

O deputado Julio Torrado carga contra as declaracións do presidente da Xunta negándose a "demonizar" Vox: "Dá a sensación de que quere votar por eles nas próximas eleccións".
O deputado socialista Julio Torrado, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Arxina)
photo_camera O deputado socialista Julio Torrado, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Arxina)

O deputado socialista Julio Torrado acusou esta segunda feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, de estar "desaparecido" como xefe do Executivo galego e que "unicamente adquire protagonismo como axente electoral" de Alberto Núñez Feixoo na súa "sucia e errada campaña" para optar á Presidencia do Goberno español, un obxectivo que semella inviábel após a reiterada negativa do PNV a apoiar os 'populares'.

Nunha rolda de prensa ofrecida en Santiago, Torrado afeou os "esforzos" de Alfonso Rueda por "branquear a ultradereita" de Vox, que "os galegos rexeitaron de maneira contundente e clara" nas urnas. "Dá a sensación", dixo o parlamentario socialista, de que o presidente galego "ten gana de votar por eles nas próximas eleccións".

Fixo estas declaracións ao fío dunha entrevista concedida polo presidente galego á axencia Europa Press na que rexeitou a "demonización" de Vox, proclamando que é "un partido constitucional", algo ante o que contrapuxo que Bildu "levou condenados de ETA nas súas candidaturas" das eleccións municipais do pasado 28 de maio. "Vox non fixo iso, nin creo que o faga xamais. Aínda así, sinceramente, creo que hai diferenzas", alegou Rueda.

Fronte a iso, Julio Torrado acusou o presidente galego de "repetir descaradamente argumentarios que lle escriben desde Madrid" e actuar como "secundario de Feixoo", no canto de "preocuparse polos problemas da Galiza". "Dá a sensación de que non se decatou de que é presidente da Galiza, que non lle gusta, que non se sente cómodo".

O deputado socialista afirmou que "está a facer unha campaña de promoción de Feixoo, salvando o soldado Feixoo", e "chegando mesmo a ceder o espazo protocolario" en actos para que "o señor Feixoo adquira protagonismo" mentres Rueda queda "en segundo plano". "Practicamente vai alí a levarlle a chaqueta a Feixoo", dixo o socialista, que pediu que Alfonso Rueda "exerza como presidente da Galiza" e "atenda os problemas dos galegos".

Os socialistas galegos rexistrarán estes días no Parlamento senllas iniciativas sobre "cuestións de importancia", entre as que Torrado mencionou o "goteo de recortes en educación", o problema do cánon da auga ou as cuestións do ámbito sanitario, con "problemas para cubrir postos".

En materia sanitaria, Julio Torrado cargou tamén contra o acordo alcanzado entre o presidente galego e CESM para pagar unha parte importante do complemento específico aos médicos que compatibilizan a pública e a privada. Esta decisión, dixo Torrado, "non vai incorporar novos médicos na pública", se non que vai encamiñado a "solucionar os problemas de persoal na privada". "Un complemento de exclusividade que o Goberno de Rueda vai pagar por deixar de ser exclusivo. É absurdo", engadiu.

Comentarios