O PSdeG advirte a Rueda que "xoga con lume" na Lei do Litoral

Otero insta o Goberno galego a deixar a "unilateralidade".
Costa de Covas, en Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Costa de Covas, en Ferrol (Foto: Nós Diario).

A portavoz de Pesca do grupo do PSdeG no Parlamento galego, Patricia Otero, emprazou onte o presidente da Xunta da Galiza a “volver á senda do diálogo” e acadar unha “vía segura” para lograr a transferencia da competencia de ordenación 

do litoral. A deputada socialista afirma que o propio Consello de Estado é o que alerta da inconstitucionalidade da Lei do Litoral aprobada polo Goberno galego e advirte á Xunta que “non poden defender a constitución española pola mañá e incumprila pola tarde”.

Otero esixiulle á Xunta que “respecten a legalidade e negocien co Goberno estatal para reclamar as competencias de modo correcto”, e sinalou que “teñen que sentarse a dialogar e falar” porque, engadiu, “hai unha vía segura para obter a transferencia de ordenación do litoral para a Galiza”. Alertou de que “están incumprindo claramente a constitución”, tal e como sinala o Consello de Estado do que forman parte ex ministros do PP como Michavila ou Soraya Sáenz de Santamaría.

Advertiu que a “vía da unilateralidade” tomada pola Xunta “é unha mostra máis de que en realidade non lle importan nada as competencias” da Galiza, senón que “están a forzar a confrontación co Executivo estatal”, que é “a súa única arma política para agochar o desastre da súa xestión”. Reclamou “cordura e sentidiño” para “facer as cousas ben e garantir a seguridade xurídica”. Otero asegurou que a día de hoxe “ningunha instalación, ningunha empresa do sec-tor mar–industria corre perigo pola normativa estatal”, xa que todas as prórrogas de concesión solicitadas foron autorizadas polo Estado.

A deputada concluíu alertando das consecuencias da "inseguridade xurídica" que pode provocar a Xunta ao “xogar con lume e intentar cambiar as regras do xogo unlilateralmente”.

Comentarios