O PSdeG acusa a Xunta de pór "obstáculos" á Lei de Memoria

A formación socialista propón o 8 de maio e o 31 de outubro como datas conmemorativas.
Patricia Igrexas e Paloma Castro, esta cuarta feira no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Patricia Igrexas e Paloma Castro, esta cuarta feira no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

As deputadas do PSdeG no Parlamento galego Patricia Igrexas e Paloma Castro acusaron esta cuarta feira a Xunta da Galiza de "ter un manto de silencio" sobre a memoria democrática, á que non destinan "nin un euro" de orzamentos propios para obstaculizar o cumprimento da lei na Galiza. 

Así o manifestaron nunha rolda de prensa decorrida na Cámara galega, na que anunciaron que a formación socialista rexistrará unha batería de iniciativas parlamentarias para rehabilitar a memoria dos milleiros de galegos e de galegas represaliadas pola ditadura e dos seus e das súas familiares. 

Igrexas exixiu ao Goberno galego que cumpra escrupulosamente cunha normativa estatal dirixida a "pasar definitivamente páxina da etapa máis negra" da historia de España, "da ditadura e da Guerra Civil", e "abrazar e reivindicar as persoas que loitaron pola democracia, pola transición, pola Lei de Amnistía e pola Constitución".

Días conmemorativos

"A Galiza tamén ten dereito ao reencontro para ser un lugar mellor, máis digno e máis humanitario", indicou a deputada socialista. Nesta liña, o PSdeG presentará unha serie de iniciativas parlamentarias para propor a declaración do 8 de maio como día de recordo e homenaxe ás vítimas do exilio como consecuencia da Guerra Civil. 

Tamén propoñen o 31 de outubro como referencia ás loitas individuais e colectivas pola conquista dos dereitos e as liberdades e de día de recordo e homenaxe a todas as vítimas.

A formación socialista demanda á Xunta da Galiza a elaboración dun plan de recuperación da memoria histórica na Galiza e a creación do Instituto da Memoria, a Convivencia e os Dereitos Humanos. 

Comentarios