18-F | Vídeo

Ana Pontón: "O resultado é insuficiente, pero non perdan a esperanza: este país xa cambiou e non hai marcha atrás"

"Hai un antes e un despois e non hai marcha atrás, hai unha cidadanía ilusionada que non se conforma nin se resigna vendo como Galiza vai a menos mentres outros avanzan", afirma a candidata do BNG.
Rolda de prensa de Ana Pontón.
photo_camera Rolda de prensa de Ana Pontón.

Malia manter o PP a maioría absoluta no Parlamento galego, o BNG logra o mellor resultado da súa historia con 31,5% dos votos e 25 escanos, seis máis que en 2020. E para a súa candidata, Ana Pontón, que xa felicitou o presidente Alfonso Rueda por reeditar o triunfo, as urnas evidencian este domingo que a súa formación é "o referente indiscutíbel na alternativa" aos populares.

Pontón agradeceu o esforzo da militancia, "a mellor do mundo", que coa súa campaña "sempre en positivo" —un "campañón", afirmou—, e dos miles de galegos e galegas que depositaron a papeleta do Bloque, e, celebrando tamén o triunfo en prazas importantes como a cidade de Vigo, advertiu: "O BNG xa demostrou en varias ocasións que non ten teito. Estou convencida de que o imos conseguir".

Pero os grandes cambios, admitiu, "non son fáciles", pois "hai que pelexalos". Mais hoxe a Presidencia da Xunta, dixo, está "máis perto" porque o BNG ten "máis forza ca nunca". "Somos un BNG máis consolidado, fortalecido, con máis ganas e empuxe que nunca, e seguiremos defendendo a xente e o país", apuntou, sobre os "resultados extraordinarios" obtidos este domingo.

Para Pontón, nada volverá ser igual a partir de hoxe: "O resultado parécenos insuficiente, porque o obxectivo era abrir un tempo novo. Sei que moitas persoas están decepcionadas, e eu entendo e comparto esa decepción, porque sei que había moitísima ilusión nesta campaña e que miles de persoas depositaran a súa confianza en nós, pero tamén quero dicirlles que isto indica que este país xa cambiou".

"Hai un antes e un despois e non hai marcha atrás, hai unha cidadanía ilusionada que non se conforma nin se resigna vendo como Galiza vai a menos mentres outros avanzan", continuou, referíndose ao Bloque como o canalizador do "caudal de esperanza" que, dixo, veu para quedar no país, confiando en lograr a Presidencia nun futuro próximo.

Como líder da oposición, un papel que xa desenvolvera nesta última lexislatura, avanzou que traballará sempre "polo ben dos galegos e galegas", e sempre mantendo "a man tendida" ao Goberno de Rueda. E a pesar da vitoria, afirma que os galegos "deron un toque de atención ao PP", pois hai "miles de persoas que non están conformes coa situación do país". "E sempre traballando para cambiar a mellor as cousas, o BNG estará aí, defendendo mellorar a vida dos galegos e galegas", afirmou.

Comentarios