Sánchez Izquierdo ve "incuestionábel" a súa lexitimidade como director xeral da CRTVG mentres o persoal suma 245 'Venres Negros'

A oposición critica o incumprimento reiterado da lei de medios públicos e fala de "persecución política" desde uns medios "politizados" polo PP, namentres o responsábel da corporación defende a súa xestión e afirma que "se pretende dar unha imaxe que non se corresponde sobre a TVG".
Alfonso Sánchez Izquierdo compareceu na Cámara galega. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Sánchez Izquierdo compareceu esta terza feira na Cámara galega. (Foto: Europa Press)

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defende que "é incuestionábel" a súa lexitimidade á fronte da corporación pública, cargo no que leva desde a chegada do PP á Xunta en 2009, xa que destaca que é "potestade" do Parlamento galego conseguir unha maioría de dous terzos necesaria para o cambio. Na sesión da comisión parlamentaria da CRTVG desta terza feira, a oposición volveu trasladar diferentes preguntas sobre o incumprimento da lei galega de medios públicos, pois desde 2011 segue sen porse en marcha o estatuto profesional nin o Consello de Informativos, dúas demandas básicas do persoal mobilizado no movemento Defende a Galega, que a pasada semana fixo 245 'Venres Negros'.

Olalla Rodil, deputada do BNG, acusou o PP de ser "quen está bloqueando" esta remuda, que leva a que Sánchez Izquierdo continúe no cargo co mandato caducado, mentres o líder dos populares, Alberto Núñez Feixoo, "vai por aí dicindo que hai que despolitizar os medios dos demais", en alusión ás súas recentes críticas á xestión dos medios públicos estatais (RTVE), que asegurou que perderon "credibilidade e independencia" desde a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa.

Nesta liña, Natalia Otero (PSdeG) denunciou o "descaro e impunidade" coa que o PP e a dirección da CRTVG incumpren de forma reiterada a Lei de Medios doce anos após a súa aprobación. Recriminou que "ninguén asume responsabilidades" por "incumprir pola cara un mandato legal deste Parlamento".

Porén, Sánchez Izquierdo dixo que a oposición "cuestiona a lexitimidade desta Dirección Xeral", que el ve "incuestionábel". Precisou, aliás, que a posibilidade de cambio recae na Cámara. "É a súa decisión e responsabilidade á hora de porse de acordo". De feito, apuntou que até en tres ocasións os grupos chegaron a acordo para facer cambios no Consello de Administración da CRTVG coa "mesma maioría" que necesitan para relevar o director xeral, algo que di "non entender moi ben visto desde fóra".

"Non é exixíbel a este director xeral a responsabilidade sobre o desenvolvemento da lei que recae en terceiros. Por que non chegan a consenso para cambiar a este director xeral?", incidiu. De forma paralela, o director xeral indicou que, nunha "mirada comparativa", os "poucos" medios públicos que contan co estatuto e Consello de Informativos aínda inexistentes na corporación galega "teñen unha crítica semellante ou superior" á que recibe a CRTVG.

"Persecución política"

Pola súa parte, a oposición denunciou a "persecución política" no ente público e esgrimiu a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza que condena a CRTVG por vulnerar os dereitos fundamentais dun traballador, Carlos Jiménez, que nunha entrevista con Nós Diario apuntaba: "A sentenza demostra que a Xustiza neste país funciona, algo do que eu estou totalmente convencido. Debe servir para que a xente vexa que non debe axeonllarse ante o que é unha inxustiza".

Sobre este extremo, Sánchez Izquierdo queixouse de que "se pretende dar unha imaxe que non se corresponde sobre a TVG", posto que "o único caso con afectación a dereitos fundamentais" supón "unicamente 0,35% da litixiosidade de toda a corporación". "Colixir, por tanto, que a partir dun 0,35% de incidencia poida estabelecerse un patrón de suposta represión e violación de dereitos fundamentais era, e segue sendo, como mínimo, absurdo e falso", aseverou.

Igualmente, fixo un balance da súa xestión, que identificou con trece anos de superávit, ser a canle autonómica máis vista do Estado español e avanzar nun proceso para "estabilizar a 100%" do cadro de persoal.

Comentarios