O PP tomba 90% das iniciativas da oposición no Debate da Nación

O Debate do Estado da Nación concluíu onte coa votación das propostas de resolución, 40 por cada grupo parlamentario. Unha sesión na que o Partido Popular botou man da súa maioría na Cámara para rexeitar case 90% das iniciativas impulsadas pola oposición. O Parlamento aprobou 41 proposicións, das cales 13 foron por unanimidade.
Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).

Acabou o Debate do Estado da Nación 2023, o primeiro de Alfonso Rueda como presidente da Xunta da Galiza. Unha sesión sobre a que sobrevoaron as eleccións galegas previstas para 2024. Uns comicios que, ademais de pairar nos discursos da primeira xornada do debate, tamén se deixaron notar a última, no debate e votación das proposicións de resolución. Para Paula Prado, viceportavoz do PP na Cámara galega, as iniciativas da oposición presentan unha Galiza "en negro, escura".

Pola contra, Luís Bará, do BNG, situou as 40 propostas de resolución dos nacionalistas como os "alicerces" do "porvir" para "esta casa que é a Galiza". 

A representante do PSdeG na sesión desta cuarta feira do debate, Begoña Rodríguez Rumbo,  defendeu o paquete de iniciativas do seu partido como unha aposta "por mellorar a vida da xente". Instou, ademais, ao PP a "non empregar o rolete" para tombar as propostas da oposición. Ouvidos xordos do PP que, agás unha decena de acordos de transacción —4 co BNG, 4 co PSdeG e 1 con ambos os dous— decidiu premer o botón do 'non' a toda canta iniciativa presentaron nacionalistas e socialistas. 

Houbo unanimidade dos tres grupos parlamentarios nas propostas transaccionadas que demandaban mellorar o sistema de financiamento da Galiza, instar o Estado a un maior compromiso coa rede galega de transportes por estrada e ferrocarril ou coa demanda de que a Galiza coxestione fondos procedentes da Unión Europea.

Tamén en reclamar ao Goberno español que asuma a totalidade da súa parte no financiamento da dependencia houbo unanimidade. 

Non así na iniciativa transaccionada entre o PSdeG e o PP sobre os sucesos destes días en Israel e Palestina. A "negativa", segundo Bará, por parte das outras dúas formacións a que nesa proposta se condenase non só o asasinato de civís israelitas mais tamén a de civís palestinos, levou a que os nacionalistas non participasen na votación. "Vostedes non querían un acordo neste tema, querían outra cousa", lamentou o  viceportavoz do BNG. 

Un ano máis

A "apisoadora popular", en expresión dun deputado socialista, volveu pois a se deixar sentir neste Debate, collendo o relevo dos anteriores: en 2021, por exemplo, o PP rexeitou 90% das propostas da oposición. 

Nesta ocasión, iniciativas que demandaban maior investimento en sanidade, reducir as ratios nas aulas, aumentar o número de prazas en residencias, incrementar o parque de vivenda pública ou retirar as bonificacións no imposto ás fortunas (patrimonio) bateron co rexeitamento do PP.  

 A viceportavoz do grupo popular centrou o seu discurso máis que en defender as propostas de resolución presentadas polo seu partido, en atacar o Goberno estatal, ao que acusou dun "goteo constante de agravios" á Galiza. Curiosamente, Prado reprochou á voceira do PSdeG no debate desta cuarta feira que "veña aquí para falar de Pedro Sánchez" e " sacar peito das cousas que fai".  Na súa intervención na última das xornadas do debate sobre política xeral, a tamén secretaria xeral do PP galego sostivo que o seu partido é o que representa á Galiza que "non para, que avanza, da que os galegos están orgullos".

"Vento de cambio"

"Nós vimos aquí falar da Galiza e o seu futuro", principiou a súa intervención Luís Bará, que defendeu as 40 iniciativas do BNG como exemplo "dun país con porvir e esperanza" e que son preludio dun "vento de cambio". O nacionalista explicou que as propostas de resolución teñen como obxectivo "pór o país a producir" ao tempo que aumentar o "benestar e a igualdade" e facer fronte á "rapina  do noso vento, do noso monte e do noso solo".

O viceportavoz do BNG incidiu tamén nas propostas dirixidas a apoiar a cultura e a lingua, un asunto para o que resaltou a necesidade de que exista "un grande acordo" ao redor da lingua propia da Galiza. "É o pegamento que nos une como nación", sentenciou Luís Bará.

"Sen proxecto"

Pola súa parte, a socialista Begoña Rodríguez Rumbo censurou a "falta de proxecto de país" da que, dixo, adoece Alfonso Rueda, e defendeu as 40 iniciativas do Partido Socialista como unha "mellora" da situación socioeconómica da Galiza.

Contrapuxo a "inactividade" do Goberno galego durante estes anos coa xestión dun Executivo estatal que foi quen, afirmou, de "manter o Estado do Benestar" 

Das "cañas" con Rueda ao Goberno de "hakuna matata"

"Véxoa moi anoxada, señora Prado, ten quer ir máis de cañas con Rueda e relaxarse". Luís Bará tirou de ironía para pedir á vice portavoz do PP —citando a campaña do presidente do PP galego para percorrer Galiza tomando cañas con simpatizantes— que rebaixase o ton 'bronco' na súa intervención. "Grazas pola publicidade da campaña, se quere pásese a tomar unha [caña]", replicoulle Prado. Unha Paula Prado que en menos de 15 segundos referiuse ao socialista José Ramón Gómez Besteiro como "O Breve" e como 

"Sálvame Messi". Begoña Rodríguez reprochou ao PP que "nas súas propostas non haxa nin unha soa proposición na que se inclúa a violencia machista", o que levou a voceira do PP a facer un discurso durante o que José María Aznar apareceu como un valedor feminista. Para o viceportavoz do BNG as propostas de resolución impulsadas polo PP son simples "declaracións de intencións" e "propias dun Goberno de hakuna matata". Para a representante do PSdeG, o PP foi á sesión desta cuarta feira "facer teatro" no canto de achegar ideas e solucións. Após dúas horas de debate a tres bandas, votouse. E aí foi un monólogo do PP: só saíron as súas propostas e as que transaccionou coa oposición.

Comentarios