O PP prevé impugnar 56 votos na Coruña, onde a Marea Atlántica é a lista máis votada por 5 sufraxios

A Xunta electoral procedeu ao reconto duns 6.000 votos esta cuarta feira por mor das incidencias abertas en 15 mesas da cidade. A MA é primeira forza por 5 votos, mais os populares discrepan con 56 sufraxios nulos.

MAREA1
photo_camera Mitin da Marea Atlántica

A Marea Atlántica é a forza máis votada na Coruña, posto que logra por 5 votos, 1 máis que os que lle outorgaba o escrutinio do Ministerio do Interior. Esta cuarta feira a Xunta electoral procedeu a recontar por volta de 6.000 sufraxios após as incidencias abertas en 15 mesas electorais da cidade. Segundo a acta da xunta, a Marea obtivo 5 papeletas máis que os populares: 36.843 fronte a 36.838. O PSOE atinxiu 21.874 apoios nas urnas e o BNG 6.807. Un total de 2.486 votos foron en branco e 1.440 nulos.

Esta quinta feira finaliza o prazo para que as formacións políticas que así o considerar presenten as súas impugnacións perante a xunta electoral, que terá dous días de prazo para se reunir e valorar se as acepta ou non. O PP amosou durante o reconto discrepancias a respecto de 56 sufraxios nulos. Europa Press sinala, citando fontes consultadas, que o PP vai recorrer eses votos. A Marea Atlántica fará o propio con 15 sufraxios.

Comentarios