Pedro Pui (PP)

"O PP pactou con Vox onde a votación supuxo unha vontade clara de cambio"

Pedro Pui Fraga é o candidato número 3 do PP ao Congreso por Pontevedra.
Pedro Pui é actualmente voceiro do PP no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pedro Pui é actualmente voceiro do PP no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

—É o número 3 por Pontevedra. O último CIS dá ao PP 2-3, polo que podería non entrar, como valora esta posibilidade?
O CIS é un organismo público que perdeu coas súas enquisas a credibilidade, non tanto porque erre ou non acerte senón porque ultimamente todos os erros van para o mesmo lado. A verdade é que a enquisa do CIS, que era unha referencia para os estudos demoscópicos, agora ten grandes desviacións con respecto ás enquisas de todos os demais, non ten moita credibilidade.

—Logo do 28-M o PP recuperou a Deputación de Pontevedra e algúns concellos, como afronta o partido na Galiza esta campaña na que Feixoo é o candidato?
Coa ilusión de que o noso candidato é quen presidiu a Xunta da Galiza durante tantos anos e coñece ben a realidade do país. Moitas das políticas que se aplican na Galiza dependen tamén do enfoque que se lle dea no Estado, por iso temos a ilusión de conseguir que Feixoo teña unha maioría que lle permita gobernar sen condicionantes doutras forzas.

—As enquisas desbotan maiorías absolutas. O PP xa ensaiou os pactos con Vox, que opinión lle merecen?
O PP, onde puido chegar a acordos con forzas máis próximas ideoloxicamente, fixo pactos, coma en Cantabria ou Canarias, e veremos como remata en Aragón. Pactou con Vox onde a votación supuxo unha vontade clara de cambio e non houbo alternativa para garantir a gobernabilidade. O importante é que o PP manteña as liñas vermellas sobre cuestións que non son só do PP senón que son maioritarias na poboación e non deben modificarse aínda que haxa pactos con Vox. En liñas xerais, iso estase a conseguir. Chegáronse a acordos que non comprometen as liñas vermellas que o PP nunca cruzará.

—Están producíndose casos de censura, eliminación de concellarías de Igualdade... Non ve risco de que aconteza no Estado se hai pacto PP-Vox?
Nin nas comunidades pasou iso, nin na maioría dos Concellos, polo tanto tampouco se vai producir no Goberno do Estado.

—O presidente do Senado requiriu dúas veces a Feixoo para que dea conta dos seus salarios á Cámara e le negouse. Que opinión lle merece?
Descoñezo exactamente cal é a situación, porque depende de como estea regulamentado polo Senado. Teño escoitado ao voceiro do PP que non hai ningún fundamento para que se faga unha petición explícita a un senador de actualización da información da súa situación económica. Descoñezo o tema pero estou seguro de que Alberto Núñez Feixoo, como o resto dos senadores, cumpre coas súas obrigas de transparencia.

Comentarios