O PP fala de "éxito" na súa xestión da dependencia malia a Galiza duplicar o máximo fixado para tempo de espera

As persoas dependentes teñan que agardar na Galiza unha medida de 370 días (44 días máis que a media estatal) para ver recoñecida esta condición. Por lei o tempo máximo de agarda é de seis meses
Os expedientes da dependencia acostuman rexistrar amplos atrasos no país. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os expedientes da dependencia acostuman rexistrar amplos atrasos no país. (Foto: Europa Press)

O Partido Popular está orgulloso da súa xestión da dependencia. "Este Goberno de Alfonso Rueda fai as cousas [en dependencia] con sentidiño e con éxito, sendo dos mellores de España", dixo desde a tribuna do Parlamento a deputada do PP Raquel Arias na súa resposta a unha moción do BNG que solicitaba reforzar os equipos de valoración da dependencia para cumprir os tempos fixados pola  Lei e ampliar as prazas e residencias públicas.

A proposta, defendida pola deputada Iria Carreira, criticaba que as persoas dependentes teñan que agardar na Galiza unha medida de 370 días (44 días máis que a media estatal) para ver recoñecida esta condición. Por lei o tempo máximo de agarda é de seis meses.

Marina Ortega (PSdeG) subliñou o "grave déficit de prazas públicas" para dependentes que ha na Galiza e cargou contra o Goberno galego por "renunciar incluso á xestión pública daquelas residencias doadas" [por Amancio Ortega]. "Incompetencia ou desleixo", preguntou.

Tamén onte na sesión plenaria, o voto do PP impediu que se aprobase outra moción, presentada polos nacionalistas e apoiada polos socialistas, e na que se demandaba da Consellaría de Educación que adoptase "medidas que exixe o profesorado para mellorar a calidade do ensino", como a redución de carga burocrática ou de ratios.

Cristina Fernández Davila (BNG) pediulle ao conselleiro que sente de novo a negociar porque o acordo asinado en outubro é “totalmente insuficiente". Para Noelia Otero (PSdeG), a Xunta debe comprometerse "en serio" a avanzar no ensino, mentres que Sol Díaz (PP) acusou a oposición de traer propostas "para facer ruído".

Comentarios