PP baixa, BNG sobe, PSdeG retrocede e DO podería entrar no Parlamento galego

A campaña electoral está arrancando, porén, as formacións políticas están moi atentas ás tendencias que comezan a marcar as últimas sondaxes. As enquisas elaboradas nos últimos días gardan moitas coincidencias entre elas.

Rueda pontón Besteiro DO
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón. José Ramón Gómez Besteiro e Armando Oxea (Foto: Europa Press)

A maioría absoluta do Partido Popular está no gume da navalla. A última sondaxe publicada por Electomanía sitúa os conservadores con  posibilidade de seguir gobernando catro anos máis mais, cunha tendencia á baixa en relación a hai catro anos.

Neste sentido, os populares non se aproveitan na Galiza da tendencia á alza rexistrada no conxunto do Estado após o acordo entre socialistas e nacionalistas para investir Pedro Sánchez como presidente do Executivo español. Precisamente, os maiores apoios ao proxecto de Lei de amnistía chegan de Catalunya, Euskadi e Galiza.

Os populares consideran que o tempo xoga en contra deles e prepáranse para convocar eleccións entre 18 de febreiro e tres de marzo. A este respecto, asumen que as súas principais feblezas son a falta de tirón do seu candidato, Alfonso Rueda, e a situación da formación en Ourense, onde dan por descontado un descenso electoral.

Neste punto, apostan para superar estas dificultades polo “tirón” de Alberto Núñez Feixoo, que se centrará na campaña galega e por mellorar os resultados na circunscrición de Pontevedra, onde agardan sacar proveito do Goberno da Deputación provincial.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) aparece como segunda forza destacada, tras o PP. A enquisa de Electomanía outórgalle un incremento de representación en relación aos comicios de 2023 e sitúao en disposición de liderar un Goberno alternativo ao PP. Asemade, as propias sondaxes coñecidas o domingo, neste caso referidas ao ámbito estatal, marcan un aumento na porcentaxe de voto na formación de Ana Pontón, nunha tendencia que se vén avanzando de modo claro desde o pasado mes de novembro.

O Partido Socialista de Galicia (PSdeG) non avanza en relación aos comicios de 2020. A este respecto, a sondaxe de Electomanía colócao por baixo dos resultados das anteriores eleccións galegas. Porén, a dirección da formación entende que son unhas cifras conxunturais derivadas da situación creada após a investidura de Pedro Sánchez e agardan do empurre deste para recuperar posicións.

Nesta liña, afirman que os datos ofrecidos polas enquisas non se corresponden coas sensacións recollidas ao longo desta precampaña polo seu candidato, José Ramón Gómez Besteiro.

Electomanía ofrece posibilidades de entrar no Parlamento da Galiza a Democracia Ourensá (DO). A formación liderada polo alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Xácome, que presenta como candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, a Armando Oxea, estaría en condicións de entrar na circunscrición de Ourense. Ao tempo, Vox podería superar a barreira de 5% e coarse na Cámara do Hórreo.

Sumar sae mal parada da sondaxe de Electomanía. Neste caso, a formación dirixida na Galiza por Paulo Carlos López fica lonxe de sumar o mínimo legal necesario para acadar representación parlamentaria. A enquisa sitúaa nunha porcentaxe semellante á lograda por Galicia en Común nas eleccións galegas de 2020. 

Comentarios