Eleccións estatais

CIS de decembro: o PP retrocede, o PSOE recupérase e o BNG atópase en máximos

Os dous partidos do Goberno de coalición superan a suma de PP e Vox, cun 43,65% fronte a un 41,7%, dando a volta ao que ocorreu nas pasadas eleccións estatais.
Estimación de voto do CIS de decembro.
photo_camera Estimación de voto do CIS de decembro.

O Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do mes de decembro volve situar na cabeza o PP por segundo mes consecutivo, cunha estimación de voto de 33,2%, pero rebaixa a 1,4 puntos a súa vantaxe sobre o PSOE fronte aos 2,6 puntos que había un mes atrás. E é que, con relación ao CIS de novembro, realizado en plenas negociacións da amnistía, os populares baixan sete décimas e os socialistas soben medio punto.

Con respecto ao BNG, a formación representada no Congreso por Néstor Rego lograría hoxe 0,8% dos votos totais no Estado español, o que representa un incremento dunha décima en relación co barómetro de novembro e dúas máis que o 0,6% de sufraxios obtido nas eleccións estatais do pasado 23 de xullo.

A enquisa, a primeira tras a investidura de Pedro Sánchez e a formación do novo Goberno de coalición de PSOE e Sumar, baséase en 4.613 entrevistas telefónicas realizadas os sete primeiros días de decembro. Ao preguntar aos entrevistados e entrevistadas que votarían se mañá houbese eleccións, un de cada catro (25%) xa adianta o seu apoio ás listas do PP, fronte a un 23,1% que ten decidido votar o PSOE, un 10,8% a Sumar e un 6,7% a Vox. Pero hai un 16% que non sabe ou non contesta e outro 7,2% que asegura que non votaría. O Bloque Nacionalista Galego garantiría en voto directo o 0,6% logrado o 23-X.

Cos datos do conxunto da enquisa e a fórmula de estimación de voto dos sociólogos Antonio Alaminos e José Félix Tezanos —presidente do CIS—, o instituto público conclúe que o PP ten un apoio total —estimación de voto— de 33,2%, sete décimas menos que o seu récord do pasado novembro, pero case un punto máis que nas xerais do 23 de xullo, nas que foi a forza máis votada cun 33%.

O PSOE, pola súa parte, sobe até o 31,8%, medio punto máis que en novembro e unha porcentaxe similar ao que cultivou nos comicios de xullo. Con iso recorta a 1,4 puntos a súa desvantaxe co PP respecto ao CIS anterior. A terceira praza é para Sumar, a quen o CIS outorga unha estimación de voto de 11,8%, a mesma que o mes anterior, incluíndo aí a todos os partidos que asinaron a coalición, e tamén Podemos, que rompeu co proxecto de Yolanda Díaz o 5 de decembro, cando se estaban terminando as entrevistas do barómetro.

Vox queda cuarto cun respaldo estimado do 8,5% rexistrando unha caída de 1,5 puntos nun mes e marcando o seu peor rexistro desde a súa entrada no Congreso. Nas xerais de xullo foi terceiro cun 12,4%. Iso provoca que os dous partidos do Goberno de coalición superan a suma de PP e Vox, cun 43,65% fronte a un 41,7%, dando a volta ao que ocorreu nas xerais.

Pedro Sánchez, o preferido para presidir o Goberno

Ademais, o socialista Pedro Sánchez segue a ser o político preferido para presidir o Goberno, cun respaldo de 27,9% fronte ao 16,5% que menciona o popular Alberto Núñez Feixoo. O presidente do Goberno conta con bastante ou moita confianza de 30,9% dos entrevistados, fronte a un 67,3% que desconfía del, pero o líder do PP obtén peores resultados: un 72,3% ten pouca ou ningunha confianza nel por un 26% que se fía moito ou bastante.

A vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz, volve ser a política mellor valorada, cunha nota de 4,46 puntos fronte ao 4,29 de Sánchez e 4,14 de Núñez Feixoo. Moi lonxe queda Santiago Abascal cunha nota de 2,76.

Comentarios