18-F

O PP baixa porcentualmente en 5 das 7 cidades

O Partido Popular foi este domingo primeira forza en 6 cidades, todas menos Vigo, onde o BNG logrou ser a máis votada. En 5 das urbes o PP perde apoios porcentuais a respecto das galegas de 2020.

Panorámica da cidade de Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Panorámica da cidade de Lugo. (Foto: Nós Diario)

O PP é primeira forza en 6 das 7 cidades galegas nas eleccións galegas deste 18 de febreiro, na que os populares repetiron a súa maioría absoluta (cunha baixada de 42 a 40 escanos). Só en Vigo non consegue estar na cabeza, onde o BNG é formación máis votada na cidade con máis habitantes do país.

Vigo

En Vigo, cidade máis poboada de Galicia, co 100% escrutado, o BNG pasa de ser terceira forza en 2020 a ter o resultado histórico de máis votado. Crece en máis de 25.000 sufraxios e alcanza os 56.820, cun 37% dos apoios (aumenta en case 14 puntos respecto a fai catro anos).

O PP cae ao segundo posto a pesar de gañar case 10.000 papeletas máis, cun total de 54.010, e elevarse en 2,7 puntos (supera o 35%). O PSdeG baixa13 puntos (baixa ao 20%) e perde nestes catro anos 12.580 votos.

A Coruña

A Coruña, segunda cidade en poboación, repítese a orde de 2020: PP é primeira forza, seguida de Bloque e PSdeG. Con todo, a formación nacionalista é a única que sobe tanto en votos (uns 15.000 máis, ata 42.775) como en porcentaxe de apoio (+8,80 puntos, no 33,3%).

Os populares soben en máis de 5.000 sufraxios, cun total de 57.558, pero perde 1,5 puntos (44,7%). O PSdeG, que goberna aquí con Inés Rey como alcaldesa, déixase 1.735 apoios, o que supón 3,5 puntos menos (14,6%).

Ourense

En Ourense, o PP tamén está na cabeza, con perto de 500 votos máis (22.520), aínda que retrocede en 6,5 puntos (39,3%). O Bloque elévase a 15.737 votos, máis de 4.000 á alza (+3,7 puntos, 27,4%).

Irrompe por primeira vez Democracia Ourensá no Parlamento (Gonzalo Pérez Xácome é o alcalde), cunha acta para Armando Ojea, con 10.236 apoios (17,8%). O PSdeG cae ao cuarto posto, a máis de 3.000 votos de diferenza de DO, con 6.928 (son 9 puntos menos, 12%).

Compostela

En Compostela, o PP continúa como primeira forza en autonómicas. Gaña máis de 2.200 votos, aínda que cae en 2,2 puntos (45,6%). Na capital da Galiza, onde hai alcaldesa do BNG (Goretti Sanmartín), o Bloque ascende en máis de 6.700 votos e avanza en 8,4 puntos (37%). En troques, o PSdeG baixa en 741 votos e 3 puntos (11,30%).

Lugo

En Lugo, o PP mantense na cabeza ao colleitar case 4.000 papeletas máis (26.531), con lixeiro retroceso relativo (-0,70%, queda no 50,2%). Séguelle o BNG, cuns 3.600 votos máis (14.024, e tres puntos máis, até o 26,5%). Nesta cidade gobernada polos socialistas, na cal Lara Méndez deixou recentemente de ser alcaldesa para dar o salto ás listas do PSdeG á Xunta, o PSdeG gaña 1.778 votos, un 0,59% máis (18,10%).

Pontevedra

En Pontevedra, os populares crecen en 3.372 votos, son 1,5 puntos máis (45%). Tamén crece o Bloque, formación que goberna esta cidade co nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, con 4.854 votos máis, até un global de 15.571 (+7 puntos, 34,5%). Os socialistas afúndense en máis dun milleiro de votos, cun total de 6.256 (-5,35 puntos, 13,84%).

Ferrol

En Ferrol, os populares -gobernan con José Manuel Rey- obteñen 14.369 votos, 468 máis que catro anos antes, mais 0,66 puntos menos sobre o total (44,63%). O BNG queda á beirad os 10.000 (6.593 en 2020), un 9,2% máis (30,7%). En contraposición, os socialistas déixanse máis dun milleiro de sufraxios (4.971), cunha caída de 4,4 puntos (15,4%).

Sumar é cuarta forza e Vox é quinta en cinco das sete cidades (Vigo, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Ferrol). Vox só consegue obter o cuarto posto en Lugo, aínda que perde votos, con Sumar neste caso en quinta posición. En Ourense, Vox ocupa o quinto lugar e Sumar o sexto.

Comentarios