Parlamento

O PP aproba en solitario os derradeiros orzamentos da lexislatura e despexa o camiño para que Rueda convoque as eleccións

O Parlamento da Galiza aprobou esta terza feira os orzamentos para 2024, unhas contas de 13.325 millóns de euros que entrarán en vigor o 1 de xaneiro e que após dous meses de debate só incorporan tres das 1.400 emendas da oposición. O visto e prace ás contas prodúcese en pleno remuíño preelectoral.

Pleno del Parlamento
photo_camera O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos (á esquerda), e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, parabenízanse após aprobarse os orzamentos. (Foto: Arxina)

Sen sorpresas. A maioría do PP na Cámara galega rexeitou as 636 emendas presentadas polo BNG e aceptou só tres das 788 presentadas polo PSdeG. Con estas tres incorporacións aos orzamentos entre as 1.400 propostas realizadas pola oposición aprobou onte o Parlamento os presupostos para 2024, "os máis altos da historia", como reiterou o Partido Popular ao longo destas semanas, 13.325 millóns de euros. 

Un visto e prace da sesión plenaria no Parlamento que contou co único apoio do grupo maioritario, o do PP, que non dubidou en xustificar a negativa a aceptar as emendas da oposición cun "carecen de rigor" ou "caen na demagoxia", en palabras dos voceiros do PP neste debate, Paula Prado e Alberto Pazos. Para nacionalistas e socialistas, porén, unha mostra máis da "ausencia de diálogo" que practica o PP.

A aprobación das contas despexa o camiño para que Alfonso Rueda convoque eleccións. Un escenario moi presente onte durante todo o debate, que se desenvolveu nun clima preleectoral. Tanto Noa Presas (BNG) como Luís Álvarez (PSdeG) situaron estas contas como as que poñen o ramo a un ciclo de 14 anos de Gobernos do PP na Galiza. A nacionalista reduciu os orzamentos a "repetitivos", propios dun Goberno nos seus últimos "estertores", mentres Álvarez avisou de que chegarán ao poder para modificalos o ano que vén. "Aprobar aprobaranos, mais modificar modificarémolos nós", advertiu Luís Álvarez.

Pazos Couñago (PP), porén, asegurou que estes orzamentos  céntranse en "atender os catro alicerces do modelo de benestar" e non achegan "nin un euro para a futura república galega ou disparates separatistas".

Porén, esas contas para 2024 adoecen cando se comparan coas de 2023 tendo en conta o aumento da inflación. Por exemplo, en sanidade. Para 2024 será 5.165 millóns, 197 millóns máis que o que destinan os orzamentos en vigor. Mais se a esa cifra aplicamos o incremento da inflación, que para 2024 prevé o Instituto Galego de Estatística —órgano cuxas estatísticas e datos a Xunta da Galiza emprega para elaborar as contas—, 5,4%, esa partida debería ser 253 millóns maior, e non 198 como é. Igual escenario se dá no orzamento consignado para o ensino ou o emprego. Ao ensino consígnaselle para 2024 63 millóns máis que para 2023. Mais, de aplicar a suba da inflación, ese incremento debería ser de 150 millóns máis.

Presas (BNG) comezou a súa intervención co recordo da poeta palestina Heba Abu Nada, asasinada 20 de outubro, o mesmo día que comezaba a tramitación destes orzamentos. Denuncia que dous meses despois continúa o "silencio cómplice" da comunidade internacional "ante o xenocidio". A seguir, a deputada nacionalista expuxo que a "única boa noticia" destas contas é que son as últimas da lexislatura, un orzamento "repetitivo" e "mimético", que ve "esgotado" por un Goberno nos "estertores". Apuntou que o PP "debería estar inquieto" ante o exame das eleccións de 2024, ao que non acudirán coa "conciencia tranquila" e defendeu que o BNG irá a esta cita con "proxecto e candidata" para "liderar o cambio".

 Presas tamén lembrou o centenario do Seminario de Estudos Galegos para trazar unha ligazón entre aquela xeración "que soñou un país mellor" e un BNG preparado para construír "a Galiza do futuro". 

Para Álvarez, o mellor exemplo do que supuxo o PP é que nestes 14 anos de goberno xestionaron orzamentos por un total de 170.000 millóns "e deixaron un país peor". Para o voceiro do grupo socialista na Cámara galega, as contas "non son as que a Galiza precisa" e, a maiores, "son unha ocasión perdida".

Antes que Álvarez tomou a palabra polo PSdeG Begoña Rodríguez no debate do articulado, onde afirmou que as contas mostran un PP "enrocado no seu programa de goberno de recortar, pintar e colorear". Un caixón baleiro de contido con moita propaganda", resumiu.

Pazos defendeu os orzamentos como "un compromiso co futuro das familias galegas" e cargou contra a oposición pola "súa letanía apocalíptica". Tivo tempo o voceiro popular para falar da amnistía, Carles Puigdemont ou a Alcaldía de Iruña para Bildu. "Non son quen de centrarse na Galiza nin nun debate como este", reprochoulle Presas. 

Lei de acompañamento

Tamén aprobou onte o Parlamento a coñecida como Lei de acompañamento dos orzamentos de 2024. Na súa tramitación parlamentaria, a maioría do PP só permitiu que se aceptaran as 24 emendas parciais presentadas polo seu grupo, rexeitando as 13 do BNG e 32 do PSdeG. Aprobar esta lei supón que se modifiquen, sen ter que pasar cada unha delas o preceptivo debate parlamentario, 34 leis e 11 decretos. 

Unha das novidades que trae a lei de acompañamento é a declaración de interese público "superior" da planificación, construción e explotación de parques eólicos de competencia autonómica. Así, no caso de que se presente un recurso administrativo contra os actos de autorización do proxecto de parque eólico e se solicite en consecuencia a suspensión da execución do acto impugnado, "terase en conta o estabelecido neste artigo na ponderación que debe efectuarse de acordo co estabelecido na lexislación de procedemento administrativo". Esta lei tamén recolle modificacións que afectan outras leis, como a do xogo, a de incendios ou a de vivenda.


Críticas aos presupostos ao pé do Hórreo: "Non son os que se precisan"

Mentres dentro do Pazo do Hórreo—como se denomina a sede do Parlamento galego— decorría o debate dos orzamentos para 2024, ás portas da Cámara ducias de persoas participaban nunha concentración na que confluían diversos colectivos e demandas, unidos polas críticas a unhas contas que consideran que "escatima en gasto social". Así, a Plataforma SOS Sanidade Pública e a CIG-Administración partillaban as críticas a unhas contas que ven como "insuficientes".

A plataforma procedeu á lectura dun manifesto no que indicaban que estas contas "manterán a falta de recursos e as graves deficiencias asistenciais que soporta a poboación e o persoal sanitario". "Para Atención Primaria o orzamento aumenta 3,5% respecto a 2023, pero se descontamos a inflación o gasto descende realmente 18,6 % e fica en 14,2% do total sanitario, moi lonxe do 25% recomendado polas organizacións profesionais e a OMS".

Pola súa parte, desde a CIG-Administración concentráronse para rexeitar uns orzamentos que, "un ano máis, non contemplan as medidas necesarias para mellorar as condicións laborais do persoal empregado público. Non introduce as partidas orzamentarias precisas para crear as prazas necesarias para o funcionamento da propia administración pública". Tamén desde CIG-Ensino, o principal sindicato na educación pública, criticaron onte os orzamentos: "As contas de Educación seguen na deriva de anos anteriores, por baixo da media do medre das contas da Xunta e perdendo relevancia. Condenan o ensino público á parálise".

Comentarios