Parlamento

O PP aproba en solitario unha Lei do xogo que a oposición ve "decepcionante" e "escasa"

A Galiza xa ten nova Lei do Xogo, que substituirá á vixente, que data de 1985. Unha lei "adaptada ao século XXI", segundo o PP; mais unha lei "decepcionante" para o BNG e o PSdeG, que lamenta "unha grande oportunidade perdida" dunha mellor regulación do sector e da actividade.
Máquina tragaperras. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Máquina tragaperras. (Foto: Nós Diario)

O PP aprobou hoxe en solitario no Parlamento galego a Lei Reguladora do Xogo na Galiza co rexeitamento da oposición, moi crítica nunha norma que, consideran, non está á altura do que debería ser exixíbel. A lei fixa un número máximo de dúas máquinas de xogo de calquera dos tipos permitidos nos establecementos de restauración e de lecer; tamén fixa novas distancias a 300 metros de colexios que deberán cumprir os estabelecementos de xogo. Haberá un máximo de catro casinos e catro salas adicionais, 12 bingos, 118 salóns de xogo e 41 tendas de apostas, fixando unha duración de 15 anos para todas as autorizacións.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, aplaudiu a nova norma e situou no "momento electoral" ás portas dos comicios estatais do 23-X as razóns de que o BNG e o PSdeG non apoien a Lei do Xogo. "Hoxe é un día importante", remarcou.

Nese mesmo sentido, a portavoz no debate parlamentario do PP, Paula Prado, insistiu en que a través de transaccións e acordos, na elaboración da ponencia da lei incorporáronse 23 emendas do BNG e 11 do PSdeG. "Quero pór en valor esa vontade de consenso", manifestou Prado, ao tempo que reprochou á oposición que a este debate "veña facer demagoxia".

Porén, o BNG e o PSdeG fixeron unha valoración ben diferente. Ambos os dous coincidiron en lamentar que aquelas achegas e emendas máis "substanciosas" non foron admitidas. Para nacionalistas e socialistas, a nona norma presenta "eivas", "baleiros" e non actúa con determinación en determinadas cuestións, como fixar mecanismos de control en máquinas de apostas en bares para menores ou ludópatas, coma poida ser o uso do documento de identidade.

Problemas

Iria Carreira (BNG) considera que estamos perante unha lei "pouco ambiciosa", que "non pon freo á expansión do xogo". Citou estudos que cifran en 3,4% dos adolescentes de entre 14 e 18 anos que entran dentro dunha categoría "problemática" na súa relación co xogo.

Referiuse tamén ao informe "demoledor" do Consello Económico e Social (CES), "que sería bochornoso para calquera Goberno", no que fala dun texto de "escasa ambición e valentía", polas "medidas insuficientes" que recolle.

"Que aval ten esta lei por parte das persoas expertas? E polas asociacións de nais e pais? Porque creo que só escoitaron unha parte moi concreta", cuestionou a deputada nacionalista aos representantes do Partido Popular.

Pola súa parte, Julio Torrado (PSdeG) afirmou que a norma aprobada esta terza feira "converte locais de hostalaría en pequenos locais de xogos e apostas", ao tempo que "abre o campo ás grandes multinacionais do sector" ao tempo que "deixa a responsabilidade do control do xogo" en terceiros. "Hoxe temos unha nova lei, certo, unha pequena que non sexa unha boa lei", concluíu o portavoz socialista no debate.

Comentarios