Pontón aposta por crear dunha oficina permanente en Suíza para a emigración galega, integrada por 41.000 persoas

O BNG reclama acabar coa discriminación fiscal que soportan na tributación das súas pensións as persoas emigrantes galegas retornadas.

miranda pontón suíza-min
photo_camera Pontón na visita ao Centro Galego de Basilea

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, está en Suíza para coñecer de primeira man a realidade da colectividade galega nese país, integrada por máis de 41.000 persoas, o que converte o Estado helvético no que máis emigración galega acolle de toda Europa.

Para atender as necesidades deste amplo colectivo que abarca varias xeracións de galegos e de galegas, a líder do BNG avanzou desde Basilea que a formación nacionalista vai levar ao Parlamento a proposta de que Galiza dispoña dunha oficina permanente en Suíza para atender, asesorar e informar a xente da emigración.

"Unha oficina física e permanente co persoal e medios necesarios para que os nosos emigrantes teñen un lugar de acollida, unha oficina que lles axude no momento da chegada a Suíza, na que recibir información e asesoramento e desde a que facer todo tipo de trámites administrativos, con axilidade e co menor custe posible", explicou.

Trámites como a xestión de documentación, información laboral, fiscal, legal, de acceso a vivenda, asesoramento en materia de dereitos e deberes no país de acollida, sobre as axudas que poden solicitar,-indicou. "Unha oficina que, por exemplo, te acompañe en todo o proceso de retorno, para que sexa nas mellores condicións posibles e sen perder dereitos polo camiño", salientou, nunha Suíza que, segundo os datos oficiais, é o país que máis emigración galega computa.

Discriminación fiscal

Pontón tamén fixo referencia á "discriminación" fiscal que sofren os emigrantes galegos por parte da Facenda do Estado, cando deciden retornar a Galiza despois dunha vida de traballo, “agravios como o derivado da dobre tributación ou o diferente trato no importe exento de declaración da renda”.

"É inxusto que ás persoas emigrantes se lles penalice fiscalmente poñendo unha cantidade libre de impostos máis baixa que para o resto de pensionistas, porque nada xustifica que o conxunto das persoas pensionistas estean libres da declaración de IRPF se a súa pensión non supera os 22.000 euros anuais, pero no caso dos e das emigrantes retornadas de Suíza teñan que facer a declaración da renda a partir de 14.000 euros", explicou Pontón.

Pensións de invalidez

Igualmente, en materia fiscal, o BNG trasladou á colectividade galega en Suíza que presentará iniciativas parlamentarias para que haxa un recoñecemento automático tanto das pensións de invalidez como dos certificados de discapacidade emitidos no estranxeiro "para que todas as persoas emigrantes retornadas nesta situación non perdan ningún dereito", indicou. Outra cuestión que preocupa é o recorte de servizos públicos que afectan aqueles emigrantes retornados que nunca tivesen cotizado nin en Galiza nin no Estado español, porque quedan excluídos do acceso gratuíto á sanidade pública e están obrigados a pagar unha cota de 90  euros /mes.

A líder do BNG fixo un recoñecemento expreso do papel da emigración e do moito que os emigrantes teñen contribuído á "modernización e dinamización económica de Galiza". Destacou ademais, o drama en termos persoais e colectivos que supón que en 2023 miles de galegos e galegas, os máis formados da historia, teñan que seguir collendo as maletas de cara a emigración, "como antes fixeran os seus pais e nais e mesmos os seus avós".

"Estamos perdendo talento que custou moito formar, miles de mozos e mozas que terminan por levantar os seus proxectos de vida fora, en Suíza ou noutros países. E temos que traballar, e así o estamos facendo desde o BNG, para que a Galiza sexa un país do que ninguén teña que marchar por falta de oportunidades", explicou.

Pontón manterá diversas reunións en Basilea que concluirá cunha xuntanza coa colectividade no centro galego A Sementeira, e seguirá mañá a súa visita coa colectividade galega en Zürich acompañada da eurodeputada e responsábel de política exterior do BNG, Ana Miranda.

Comentarios