O BNG demanda que se amplíe a rede pública de escolas infantís

A nacionalista denuncia “un déficit” de prazas.
Olalla Rodil na rolda de prensa desta sexta feira (BNG).
photo_camera Olalla Rodil.

O BNG defenderá no Parlamento galega unha serie de iniciativas para reclamar a ampliación da rede pública de escolas infantís, promover a ampliación deste servizo na contorna laboral e garantir que todas as familias que así o queiran poidan dispor dunha praza pública.

En concreto, a formación nacionalista pedirá a ampliación da rede a través dun plan que dea prioridade á creación deste recurso nos Concellos onde actualmente non o hai. Tamén reclamarán que se recuperen as axudas que promovían a implantación de escolas infantís en contornas laborais como os parques empresariais, así como que se impulsen cambios para que as empresas que traballen para as Administracións opten por recursos que garantan a conciliación e a corresponsabilidade nos centros de traballo.

Así o anunciou onte a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, quen censurou que nos últimos seis anos a Xunta só creou dous centros da rede Galiña Azul. "Hoxe esa rede conta con 147 centros. En 2021 eran 146 e en 2018 eran 145. Practicamente igual, só se construíron dúas únicas escolas", lamentou .

"Colas enormes"

Rodil tamén lembrou informacións publicadas nos últimos días nas que se facía referencia a "colas enormes" de nais e pais ante as escolas infantís para inscribir os seus fillos nun contexto no que "moitas familias quedaron sen praza", están en "lista de espera" ou tiveron que optar por un centro "lonxe".

Deste modo, Rodil sostivo que o número de prazas públicas de menos de 3 anos non chega a "18%" dos nenos que hai. "Sumando todo o que hai, se ás escolas da Xunta se suman as municipais e as privadas, a cobertura non chega nin á metade", argumentou.

Garantir un dereito

Todo iso, segundo indicou Olalla Rodil, debido a que hai un "déficit de prazas de escolas infantís" a pesar de que estas son un recurso educativo, un dereito dos nenos e nenas, así como un servizo de conciliación 

para as familias.

A deputada nacionalista sostivo que a gratuidade das escolas infantís aprobada pola Xunta é unha "boa medida" mais que debe de ir acompañada de "garantir que todas as persoas que queren facer uso deste recurso" poden facelo para non ficar en promesas sen cumprir.

Comentarios