Pontón reúnese co presidente de Uruguai para "fortalecer" as ligazóns entre Galiza e o país charrúa

A líde do BNG pon en valor o papel da diáspora e destaca que Galiza é país de acollida: “Ante a xenofobia convén recordar coñecemos moi ben o que é emigrar”.
Ana Pontón co presidente de Uruguai, Yamandú Orsi. (Foto: Nós Diario)
Ana Pontón co presidente de Uruguai, Yamandú Orsi. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valorou moi positivamente a reunión mantida esta quinta feira en Montevideo co presidente de Uruguai, Yamandú Orsi, que a líder nacionalista aproveitou para estreitar vínculos entre Galiza e Uruguai, países que partillan unha historia común a través da diáspora. 

Pontón trasladou a Orsi o proxecto de Goberno que o BNG ten para Galiza como alternativa ao PP, unha "alternativa nacionalista e de esquerdas co reto de liderar o país, do mesmo modo que hai un ano o Frente Amplio desprazou nas urnas o anterior Goberno conservador". "Orsi segue a estela de José Mujica, que para o BNG continúa a ser un exemplo a seguir", destacou Ana Pontón. 

A líder do BNG trasladoulle ao presidente uruguaio a oportunidade de incrementar as relacións comerciais e económicas entres ambos os dous países “en mutuo beneficio”, destacando a calidade dos produtos galegos en sectores claves como o agrogandeiro, o sector mar-industria, o automobilístico ou bens de equipo. “Galiza ten unha interesante balanza comercial con Uruguai, pero desde o BNG pensamos que as empresas galegas poden exportar máis e mellor”, alegou.

Contrato con Cardama

En relación ao contrato con Cardama [Uruguai anunciou unha demanda contra o estaleiro vigués por presunta fraude], Pontón aposta polo diálogo entre a empresa e o Goberno uruguaio "para atopar unha solución satisfactoria para ambas as dúas partes e pola nosa parte imos facer todo o posíbel para que se dea esa solución". A líder nacionalista puxo en valor a calidade do sector naval galego.

Entre os temas tratados tamén estivo a situación da colectividade galega.

Xuntanza coa emigración 

Antes da reunión co presidente da República deUruguai, Ana Pontón mantivo unha xuntanza coa colectividade galega tanto no Padroado da Cultura Galega como coa Federación de Asociacións Galegas de Uruguai. A líder nacionalista destacou a urxencia de conservar o legado cultural da emigración, "polo menos o que queda a día de hoxe porque o certo é que a nefasta xestión que ten feito o goberno do PP durante décadas fai que se perdera unha parte importante dese extraordinario patrimonio".

Comentarios