Pontón destaca que o BNG "disputa ao PP" escanos nas catro circunscricións

A nacionalista pide o voto "inconformista e de país".
Néstor Rego, Luís Pérez, Ana Pontón e Rosana Pérez, en Ribeira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, Luís Pérez, Ana Pontón e Rosana Pérez, en Ribeira. (Foto: Nós Diario)

O BNG disputa ao PP escanos nas catro circunscricións galegas e por iso na Galiza o nacionalismo é a “alternativa real” ao “involucionismo” que representan o candidato do PP, Alberto Núñez Feixoo, e os seus “aliados da extrema dereita machista, racista e antigalega”. Baixo esta premisa, a portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento esta cuarta feira en Ribeira, na comarca do Barbanza, a unificar na papeleta do BNG todo o voto “inconformista, rebelde e de país”.

O BNG encara o 23-X coa determinación de facer posíbel “o que nos din que é imposíbel", sinalou Pontón, como fixo xa nas eleccións municipais ou nas galegas "co apoio de miles de cidadáns" aos que a portavoz nacional pediu de novo a confianza, para demostrar que “este é o momento de Galiza” e conseguir "ser escoitados" no Estado.

Pola súa parte, o cabeza de lista pola formación nacionalista na circunscrición da Coruña, Néstor Rego, comprometeuse en Ribeira, "agora con alcalde nacionalista", a que o BNG volverá ser esixente no Congreso para facer valer Galiza e colocar os temas que importan ao país no centro da axenda estatal: “Pactaremos cun programa de defensa do noso país na man e esixindo o seu cumprimento", recalcou.

Encontro con pensionistas

Na mañá desta cuarta a portavoz nacional do BNG mantivo un encontro en Ourense con pensionistas, acompañada de Noa Presas, cabeza de lista nacionalista por esta circunscrición. Ourense é a provincia coas prestacións por xubilación máis baixas de todo o Estado español.

"O noso obxectivo é mellorar a vida das persoas e garantir que despois de moitos anos de traballo teñan unha vida tranquila", subliñou. "Seguiremos facendo fronte á calquera intento de dar pasos atrás no sistema público de pensións, imos estar sempre en contra de recortar as pensións ou de subir a idade de xubilación", garantiu Pontón, logo de recordar que en Galiza a prestación media sitúase 250 euros por debaixo da estatal.

Comentarios