23-X

Pontón chama a concentrar o voto no BNG para "lograr escanos por Lugo e Ourense a costa do PP"

"Estamos a disputar un escano ao PP e ímolo conseguir para darlle futuro, igualdade e respecto a esta provincia", dixo hoxe en Ourense xunto a Noa Presas.
Ana Pontón apoiou hoxe a candidata Noa Presas en Ourense. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón apoiou hoxe a candidata Noa Presas en Ourense. (Foto: Europa Press)

A portavoz do BNG, Ana Pontón, desprazouse esta quinta feira até Ourense para apoiar a candidata ao Congreso por esta circunscrición, Noa Presas, a quen describiu como "unha voz nova, intelixente e feminista" que Ourense "necesita para facerse valer en Madrid". Pontón insistiu en que na provincia de Ourense o Bloque dispútase un escano co Partido Popular e asegurou "que é posible conseguilo" enchendo as urnas co voto nacionalista "para facer historia".

Á cabeza de cartel por Ourense describiuna como "unha auténtica revolución", "unha voz forte" que, xunto ao candidato por Lugo, Daniel Castro, "colocará a Galiza do interior no mapa" e logrará "ser a representación que poña fin á discriminación das forzas estatais" con estas provincias.

Nestes termos, defendeu que, fronte a "aqueles aos que lles dan ordes as súas sedes en Madrid", Presas "non vai calar nin vai agachar a cabeza", asegurando que conseguirá "tratar as medidas que a provincia necesita" para avanzar en puntos como infraestruturas, servizos ou benestar social, así como para a xeración de emprego "para que a provincia deixe de perder poboación".

Pontón trasladou a súa confianza en que a partir do 23 de xullo existirá no Congreso "un grupo galego forte" cos deputados do Bloque Nacionalista Galego polas catro provincias. "Está ao alcance da man", manifestou, ao tempo que sinalou que para conseguilo "abonda con que aqueles que apoiaron o BNG nas eleccións galegas e nas municipais repitan a papeleta" para as estatais.

"Estamos a disputar un escano ao PP e ímolo conseguir para darlle futuro, igualdade e respecto a esta provincia", insistiu a portavoz nacionalista, resaltando, ademais, que a papeleta do BNG "ten un dobre valor", para "defender Galiza no Congreso e para frear a involución que supón o PP de Feixoo". Por iso, pediu "concentrar o voto" no Bloque para lograr escano por Lugo e Ourense "a costa do PP".

Ourense "merece cambio"

Pola súa parte, Noa Presas tamén se mostrou convencida de que o BNG fará historia nestes comicios xerais afirmando que "hai unha sensación maioritaria de que Ourense merece un cambio" e que "merece que o poñan no mapa". Por iso pediu a mobilización dos ourensáns "que queren romper coa inercia do bipartidismo clásico" que "nin incrementou as pensións mínimas nin saneo os ríos e que non cumpre en materia de infraestruturas".

Así pois, tanto Pontón como Noa Presas apelaron ao voto da xente á que "lle doe a situación de Ourense" e "quere seguir avanzando en conquistas sociais", especialmente á mocidade á que Pontón chamou a "demostrar a súa rebeldía" e "as súas ganas de loita social" coa papeleta do BNG.

Comentarios