18-F

Pontón comprométese a ser a presidenta que "recupere" a sanidade: "O PP foi un Terminator"

Nos últimos tres lustros, afirmou, "non só houbo mala xestión, senón que tamén houbo moita ideoloxía".
Ana Pontón, candidata do BNG. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, candidata do BNG. (Foto: Arxina)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, comprometeuse este domingo a ser a presidenta que recupere a sanidade pública galega e asegurou que, ao longo destes 15 anos de goberno, "o PP foi un Terminator". A líder das e dos nacionalistas galegos pronunciouse nestes termos en declaracións aos medios antes do arranque da masiva manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela para exixir melloras no sistema.

Na súa intervención destacou a necesidade de estar xunto "a miles" de persoas "defendendo a saúde, a sanidade pública" e que Galiza "necesita un cambio de rumbo" tamén en materia sanitaria. Nos últimos tres lustros, afirmou, "non só houbo mala xestión, senón que tamén houbo moita ideoloxía". "Porque o que está a pasar responde a algo que quere o PP, e que é deteriorar o público para beneficiar o privado". "Isto faino á conta da saúde dos galegos e galegas", lamentou.

Pontón asegurou que a Xunta do PP está "a pór en risco" a saúde da xente. "Hoxe temos no noso país unha situación inédita. Unha deterioración brutal da nosa sanidade pública", dixo, para asegurar que "hai lista de espera para ir médico de cabeceira" e que "hai 11.000 nenos sen pediatra" asignado.

"Vemos PACs sen médico e tamén comprobamos como o 14% da poboación galega está a esperar por unha cirurxía, por unha proba diagnostica ou pola consulta dun especialista", argumentou, para asegurar que "todo isto resume á perfección a deterioración dun PP que nestes 15 anos non coidou a saúde da súa xente".

"E isto é algo que tamén podemos cambiar o próximo 18 de febreiro", afirmou Pontón, que se comprometeu a pór en marcha un plan de rescate con 200 millóns de euros que permita "recuperar" a atención primaria. Ademais, comprometeuse a garantir que non haxa nenos e nenas "de primeira e de segunda" de forma que "o conxunto da poboación infantil teña dereito a pediatría".

"Imos, en definitiva, levantar a sanidade pública deste país que o PP leva demolendo durante estes últimos 15 anos", sostivo para chamar á mobilización, de cara ao próximo 18-F, a todas as persoas que queren unha sanidade pública de calidade. "Quero facer un chamamento a todas as persoas que están nesta mobilización, a todas as que están na súa casa e queren unha sanidade pública, a que se mobilicen nas urnas tamén para defendela", dixo para asegurar que co apoio ao BNG pódense derrotar nas urnas "os recortes e a privatización do PP".

Críticas do PP

Na súa intervención, e preguntada polas críticas á manifestación por parte do presidente da Xunta e candidato á reelección, Alfonso Rueda, Pontón considerou que ao PP "só lle gustan as manifestacións que convoca o PP". "Creo que no último mes e medio quen máis manifestacións convocou foi o PP, se non estou equivocada", declarou, para asegurar que o que lle "molesta" aos populares é que na rúa se vexa o "malestar" que xeran "as súas políticas de recortes e privatizacións".

Comentarios