18-F

Pontón agarda unha "xornada histórica" o 18-F

Asegurou que este sábado é un día para "parar un pouco" despois dunha campaña "intensa" e "emocionante".

Ana Pontón gozou do vermú en Compostela acompañada da alcaldesa, Goretti Sanmartín (dereita) e outras amizades. (Foto: Europa Press).
photo_camera Ana Pontón gozou do vermú en Compostela acompañada da alcaldesa, Goretti Sanmartín (dereita) e outras amizades. (Foto: Europa Press).

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, aproveitou a xornada de reflexión para tomar un vermú nun estabelecemento da zona vella de Santiago de Compostela con familiares e amigas, entre as que se atopaba a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín.

Alí, asegurou que este sábado é un día para "parar un pouco" despois dunha campaña "intensa" e "emocionante".

"Estou moi agradecida do traballo da militancia, os e as simpatizantes, todas as que viñeron aos nosos actos e que impulsaron esta campaña con tanta ilusión e entusiasmo", reivindicou.

Ademais, Pontón afirmou que hoxe é un día para que "as persoas que non teñen claro o seu voto, pensen e reflexionen".

A continuación, fixo un chamamento para ter "unha xornada histórica" coa “maior participación e implicación da cidadanía". "Que voten pensando no mellor para este país e que sexa un gran día para o futuro da Galiza", sinalou.

Con anterioridade, Pontón acudiu ao acto en Marín (O Morrazo) en recordo das vítimas do 'Vila de Pitanxo', naufragado hai dous anos en augas de Terranova, en Canadá.

Xa no serán, a líder do Bloque acudirá ao estadio de Balaídos para ver o partido que enfronta o Celta co FC Barcelona.

Comentarios