18-F

Fútbol, vermú e mesmo parapente, os plans dos e das candidatas do 18-F na xornada de reflexión

Ana Pontón e Besteiro coincidirán nas bancadas de Balaídos para seguir o Celta-Barcelona, e de novo -xa con Rueda-, na homenaxe en Marín ás vítimas do 'Vila de Pitanxo'.
A candidata de sumar, Marta Lois, saltará en parapente. (Foto: Club Parapente Baltar).
photo_camera A candidata de sumar, Marta Lois, saltará en parapente. (Foto: Club Parapente Baltar).

Os candidatos e candidatas á presidencia da Xunta dos principais partidos galegos están pasando de moi diferentes formas a xornada de reflexión deste sábado, na que collerán forzas de cara á contenda electoral que se celebrará este domingo, 18 de febreiro.

Paseos coa familia e tomar algo, ir ao Estadio de Balaídos a ver o partido entre o Celta de Vigo e o Barcelona e tirarse en parapente son só algunhas das actividades nunha xornada na que tamén haberá unha homenaxe en Marín (Pontevedra) ás 21 vítimas do naufraxio do 'Vila de Pitanxo'.

Así, as cabezas de lista das tres principais forzas políticas -PP, BNG e PSdeG-; as que na actualidade contan con representación no Parlamento da Galiza, asistirán a este acto no segundo aniversario do afundimento do pesqueiro en augas de Terranova (Canadá).

A homenaxe, ao que o 'popular' Alfonso Rueda acudirá en calidade de presidente da Xunta, terá lugar ás 11.30 horas no Paseo Alcalde Blanco, ao final do espigón de Marín. Tamén estarán a candidata do BNG, Ana Pontón, e o cabeza de lista dos socialistas, José Ramón Gómez Besteiro.

No entanto, Rueda tamén aproveitará o día para pasalo coa súa familia. Así, a primeira hora da mañá deu un paseo cos seus achegados polo Monte Pedroso, preto da residencia oficial do presidente da Xunta.

A candidata do BNG, á parte da homenaxe ás vítimas do 'Pitanxo' en Marín, irá á Sala Riquela de Santiago de Compostela para tomar un vermú. Xa pola tarde, Ana Pontón acudirá ver en persoa o Celta-Barcelona a partir das 18.30 horas.

Tamén estará en Balaídos o candidato do PSdeG. A maiores, Besteiro empregará este sábado de reflexión para descansar despois de 15 días "de intensa campaña".

Pero a actividade máis rechamante escollida polos distintos dirixentes será, sen dúbida, a elixida por Marta Lois, de Sumar. Tirarase en parapente en Portosín (Noia).

Plans máis tranquilos terán os candidatos de Podemos, Vox e Democracia Ourensá (DO). A cabeza de lista da formación morada, Isabel Faraldo, quedou cuns amigos para comer un cocido e irá tomar algo ao Bar Momo da Coruña.

Comentarios