Desaloxar a Baltar da Deputación

Pontón afirma que o avance do BNG é antesala da derrota de Feixoo

A portavoz nacional do BNG chama a concentrar o voto este domingo 26 de maio no modelo municipal do Bloque por que “funciona e é capaz de construír concellos referentes en calidade de vida”. Anuncia que o avance nacionalista nas urnas significa a pronta derrota de Feixoo nos comicios galegos.

Pontón e Seara en Ourense 2
photo_camera Pontón e Seara en Ourense

Desde a cidade das Burgas a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, amosouse segura de que a fronte nacionalista colleitará un gran apoio electoral nos comicios europeos e municipais do vindeiro domingo 26 de maio. Eses bos resultados que agardan no Bloque e que os inquéritos publicados así prognostican, enténdeos Pontón como a antesala da derrota de Feixoo nas eleccións galegas.

No Bloque teñen a seguridade de estar recollendo unha corrente de simpatía en ascenso cada día que nos achegamos ao 26M

No Bloque teñen a seguridade de estar recollendo unha corrente de simpatía en ascenso cada día que nos achegamos ao 26M grazas a, segundo sinalan, contaren cun proxecto “solvente, unido e cohesionado”.

Para facer efectivo ese avance nacionalista nos concellos, Ana Pontón chamou desde Ourense a concentrar todo o voto nacionalista, galeguista e inconformista no BNG, “porque temos un modelo municipal que funciona, capaz de transformas vilas e cidades a favor das persoas e demostrámolo alí onde gobernamos, creando dinamismo económico, social e cultural, apostando polo orgullo do noso” polo que engadiu que “a mellor aposta para un cambio transformador é o BNG”.

Pontón salientou a “seriedade e solvencia” do proxecto que o BNG defende para a cidade de Ourense da man do seu candidato á alcaldía, Luís Seara

De “decisivas para os concellos” cualificou Pontón as eleccións do 26M e engadiu que as galegas e galegos tamén se están a xogar un futuro mellor. “Hai cansazo de ver como as cousas nin avanzan, ni melloran”, afirmou, “e cando falamos de políticas municipais é o BNG quen ten un modelo transformador que funciona en cidades e en concellos de  perfís moi diferentes e iso é unha garantía de que hai outra forma de facer política, de que hai outra Galiza posíbel e quen demostra que ten un proxecto para construír esa outra Galiza é o BNG”, recalcou.

Nese sentido, Pontón salientou a “seriedade e solvencia” do proxecto que o BNG defende para a cidade de Ourense da man do seu candidato á alcaldía, Luís Seara, de quen afirmou que representa o cambio transformador para deixar atrás catro anos “desastrosos” para Ourense. Puxo de relevo que a cidade contou neste mandato “co peor goberno da súa historia recente e cunha oposición que tampouco estivo á altura”. Fronte a esa situación colocou o BNG sob o argumento de que a cidade “non merece máis parálise porque está perdendo oportunidades cun PP que só demostrou soberbia e incompetencia e que conduce Ourense á deriva”.

Desaloxar a Baltar da Deputación

O obxectivo do BNG tamén pasa por expulsar a Baltar e o PP da Deputación de Ourense e recuperar a institución para as persoas. Para tal fin indicou a necesidade de votar BNG xa que as candidaturas municipais do Bloque “teñen un valor extra” no sentido en que supoñen “un cambio real no concello” mais tamén unha suma de votos entre todos os apoios que o Bloque reciba nos distintos concellos que pertencen á Deputación. Pontón sinalou que non acontece o mesmo cos candidaturas locais xa que non suman ao seren independentes en cada concello. 

Comentarios