A política de recortes de impostos da Xunta fai que 'perda' 600 millóns de euros en 2023

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, compareceu esta terza feira no Parlamento para dar conta do desempeño fiscal de 2022, un ano no que, afirmou, "melloramos obxectivos" e no que a Galiza "recuperou" o PIB previo á pandemia. Un discurso que a oposición non aplaudiu, criticando unha política fiscal "inxusta".

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Facenda salientou a política fiscal da Xunta da Galiza como un dos eixos que posibilitaron que en 2023 o desempeño fiscal na Galiza se traduza na mellora dos rexistros en déficit, Produto Interior Bruto (PIB) ou emprego. 

Miguel Corgos, que anunciou un 2023 no que a Galiza ía ter un crecemento de 1,7%, afirmou durante a súa comparecencia que as "rebaixas fiscais" facían do país un dos territorios con "menos cargas fiscais". O titular de Facenda dedicou parte da intervención a enumerar recortes fiscais aplicados polo Goberno galego, como a rebaixa no imposto de sucesións, reducións de gravames no rural, bonificacións fiscais para acceder á vivenda... Mais Corgos non citou nesa intervención a rebaixa máis polémica anunciada en 2022: elevar de 25 a 50% a bonificación do imposto de patrimonio. Unha medida que si lle lembraron desde a oposición.

Noa Presas (BNG) definiu o modelo fiscal deste Goberno como un "facer máis ricos os ricos" a base dunha "fiscalidade regresiva" que ten o seu mellor exemplo no "pelotazo" do imposto de patrimonio en beneficio de 7.000 fortunas. 

Nas mesma liña, Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) denunciou que o Executivo galego aplica desde 2016 "constantes rebaixas fiscais, sumándose así ás comunidades do PP lideradas por Ayuso [en referencia á presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso]". A deputada socialista acusou a Xunta da Galiza de "recortar e eliminar os impostos propios", renunciando a políticas progresivas para "que paguen máis os que máis teñen".

Beneficios

Os orzamentos galegos para 2023 inclúen uns beneficios fiscais de 592 millóns de euros, 70 máis que en 2022, cantidade que deixa de ingresar a facenda galega polas distintas rebaixas como a deflactación no IRPF, redución en tramos deste imposto ou de 25 % no imposto de patrimonio. Algo que o propio conselleiro recoñecía a finais de 2022.

Mais esta terza feira, Corgos apelaba a unha Galiza exemplo para o resto de territorios. "Se todas as comunidades se comportasen como a Galiza [en débeda pública] habería 80.000 millóns de euros menos de débeda no conxunto do Estado". Porén, non citou que 2023 comezou coa Galiza a superar os 12.000 millóns de débeda pública cando en 2009 —chegada do PP ao Goberno galego— non sobrepasaba os 4.000 millóns.

Tamén quixo pór en valor o conselleiro o "tratamento fiscal" que o Goberno galego dá ás rendas medias e baixas, e que situou como o mellor do Estado "tras o de Madrid". Porén, a Galiza figura no podio dos territorios onde menos pagan as persoas con ingresos máis altos. Así, e por tramos de renda, un informe do Consello Xeral de Economistas de España, a Galiza figura no podio das tres autonomías onde as persoas contribuíntes con ingresos entre 220.000 e 600.000 euros menos teñen que pagar; e para aquelas cunha renda de 160.000 Galiza é a cuarta autonomía máis 'barata'.

Cambio de rumbo

O conselleiro destacou na comparecencia na Cámara galega a vixencia das contas elaboradas polo Goberno galego para 2023 a pesar das dificultades da crise de prezos, a guerra de Ucraína e o cambio de signo da política económica, coa suba de tipos de xuro. "Os datos de fechamento de 2022 e as previsións que mantemos para 2023 demostran que a estabilidade orzamentaria da Galiza é positiva", destacou. O titular de Facenda puxo en valor o traballo do Executivo para "encadear tres anos consecutivos de crecemento" e asegurou que a finais de ano a taxa de paro se situará "por primeira vez en 15 anos" por baixo de 10%.

1.500 millóns de euros sen executar

Noa Presas afeou que a "mala planificación e execución" e a falta de acerto na repartición de recursos deixan unha Galiza "estancada" na desigualdade social e no ámbito económico e produtivo. Ademais, sinalou que a execución real do orzamento do 2022 sitúase por baixo de 90%. "Vendéronnos que era o orzamento máis grande da historia e deixaron 1.500 millóns sen executar", censurou, incidindo en que iso se fixo nun contexto de suba de prezos con efectos negativos para gran parte da sociedade.

Begoña Rodríguez, pola súa parte, considerou "necesario" facer un estudo ou análise das consecuencias e impactos das rebaixas fiscais da Xunta nos servizos públicos.

Incumprimentos co Consello de Contas

O pleno da Cámara galega aprobou esta terza feira co apoio de todos os grupos o ditame emitido pola comisión para as relacións co Consello de Contas sobre os informes da memoria de actividades de 2021 do ente fiscalizador, que inclúe a Conta xeral da Xunta relativa ao ano 2020. Mais ese apoio non evitou as diferenzas entre as formacións. Das 60 propostas presentadas polo BNG e o PSdeG ao ditame, a maioría do PP só permitiu que pasasen cinco ao pleno. Iago Tabarés (BNG) dixo que iso reflectía a "soberbia" do PP.

Así mesmo, considerou que a Xunta da Galiza non pode "seguir de perfil" ante "irregularidades" detectadas polo Consello no Sergas: "Abuso da contratación a dedo, falla de transparencia, escaso rigor nos gastos...", enumerou o nacionalista. Begoña Rodríguez (PSdeG) criticou que as recomendacións no caso da Conta Xeral de 2020 sexan "idénticas ás feitas en exercicios anteriores sen que por parte do Goberno galego se tomen as medidas necesarias para aplicalas". "Non só incumpren, senón que nin explican os motivos", censurou a socialista.

Comentarios