23-X

'Nós Diario' entrevista os cabezas de lista ao Senado por Ourense

Nesta campaña electoral de cara ás eleccións estatais do 23 de xullo, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ao Congreso e ao Senado polas catro circunscricións galegas para coñecer os seus programas e propostas. Hoxe é a quenda dos cabezas de lista ao Senado pola circunscrición de Ourense, que son Carmen Leite (PP), Rafael Villarino (PSOE), Cristina Cid (BNG) e Manuel Nogueira (Sumar).

Carmen Leite (PP), Rafael Villarino (PSOE), Cristina Cid (BNG) e Manuel Nogueira (Sumar).
photo_camera Carmen Leite (PP), Rafael Villarino (PSOE), Cristina Cid (BNG) e Manuel Nogueira (Sumar).

A cidadanía dos concellos pertencentes á circunscrición de Ourense, ao igual que o resto da cidadanía galega, ten unha cita coas urnas o vindeiro 23-X. Nas anteriores eleccións estatais dos catro senadores e senadoras que se reparten neste territorio —igual que no resto, pois os comicios na Cámara alta reparten en todas as provincias do Estado catro actas—, tres foron obtidos polo PP e o outro, polo PSOE.

Co obxectivo de coñecer de primeira man os programas e propostas das principais candidaturas, Nós Diario contacta coas persoas que encabezan as candidaturas dos principais partidos de cara ao 23-X.

Carmen Leite (PP): "O interese noso pasará sempre por defender Ourense e os intereses galegos"

A cabeza de lista popular á Cámara Alta, Carmen Leite, atendeu Nós Diario para tratar na súa entrevista diversos temas como os encoros que hai na circunscrición de Ourense ou as leis de financiamento.

“Os nosos obxectivos pasan porque Alberto Núñez Feixoo sexa o próximo presidente do Goberno de España e por iso estamos traballando para alcanzar os tres deputados no Congreso pola circunscrición de Ourense e os tres senadores”, indica Leite.

Rafael Villarino (PSOE): "O poder en Ourense estivo en xogo o 28-M e pode estalo tamén nestas eleccións"

Pola súa parte, Rafael Villarino, cabeza de lista dos socialistas ao Senado por Ourense, explica na entrevista as expectativas electorais o seu partido así como o que está en xogo o 23-X.

“Ourense é unha situación bastante excepcional no panorama político, tanto a cidade como a provincia. Son dous factores moi unidos, máis que nada por relacións de poder”, asevera Villarino.

Cristina Cid (BNG): "Imos lograr representación do BNG por Ourense e un grupo galego en Madrid"

Alcaldesa de Allariz, a nacionalista Cristina Cid encabeza a lista do Bloque ao Senado e na conversa con Nós Diario explica as expectativas do BNG así como as alternativas da súa formación en temas como o financiamento.

“A boa acollida das posicións do BNG vai verse referendada coa consecución dun gran grupo galego en Madrid”, salienta Cid.

Manuel Nogueira (Sumar): "Estamos nas institucións para solucionar os problemas do día a día da xente"

A persoa que encabeza a lista de Sumar á Cámara Alta por Ourense é Manuel Nogueira e na conversa con este xornal analiza as necesidades da circunscrición así como as medidas a tomar para mellorala.

“É necesario que aqueles que teñamos unha representación nas institucións teñamos un pé na rúa”, manifesta Nogueira.

Comentarios