MANUEL NOGUEIRA (SUMAR)

"Estamos nas institucións para solucionar os problemas do día a día da xente"

Manuel Nogueira, candidato número 1 de Sumar ao Senado por Ourense.
Manuel Nogueira Sumar
photo_camera Manuel Nogueira.

—Que necesidades considera que ten a provincia e que propostas fai Sumar ao respecto?
Ourense, como Lugo, fai parte desas provincias que están máis esquecidas, zonas que entrarían dentro desa famosa ‘España baleirada’. As políticas aplicadas tradicionalmente a nivel autonómico e estatal non responden á realidade que estamos vivindo. Nos últimos catro anos, porén, si que se teñen tomado algunhas medidas da man do Goberno de coalición.

— Que medidas?
Sobre todo en campos de tanta importancia como o laboral, coa ministra Yolanda Díaz á cabeza. Tamén en asuntos sociais. Tomáronse medidas que aquí en Ourense eran necesarias debido á nosa situación de despoboamento, cunha poboación avellentada, carencia de infraestruturas...

Mais esas medidas non foron suficientes, ten que haber unha continuidade. Eu considero que é importante, neste sentido, o que fai Yolanda Díaz, cunha política sen ruído e escoitando todos os sectores e todos os actores sociais. Hai que dar continuidade a ese traballo.

—Como está a ser a recepción ao proxecto que representa Sumar?   
É algo novidoso e estase a recibir ben. Queremos, dunha maneira diferente, representar esa esquerda á esquerda do PSOE. Queremos aglutinar, sumar. Á xente non lle interesa, creo, todas esas cuestións internas das organizacións, as negociacións, as listas...

Creo que procura solucións e respostas ás súas demandas ou necesidades, non quere ver circos. Por iso creo que se acolle tan ben Sumar. A xente valora o traballo que fixo e fai Yolanda e como o fai, sen ruído. Moi lonxe do que se puido ver no debate do outro día entre Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo.

—Ourense xa non é Baltar...
Non está Baltar pero o baltarismo segue aí, e iso vai ser difícil de erradicar. Vai levar o seu tempo acabar con esa forma de actuar clientelar. En Ourense loitamos nun escenario adverso, máis difícil que noutras provincias, mais non podemos desanimarnos. Que Baltar non siga na Deputación xa é un primeiro paso nese camiño que queremos de pór fin nesta provincia a que as institucións estean ao servizo do PP.

—O Senado debía de estar máis aberto á cidadanía?
A xente ve o Senado como un retiro, como un sitio onde os partidos mandan ou colocan como un premio esas persoas que tiveron unha traxectoria política. É necesario que aqueles que teñamos unha representación nas institucións teñamos un pé na rúa. Estar en contacto coa xente e poder dar voz á xente para solucionar os seus problemas do día a día.

Comentarios