SUSO DE TORO

"Podería dicerse que o dono da campaña é o Grupo Planeta"

Suso de Toro, un dos grandes da literatura galega, sempre tivo un marcado compromiso político. Eis as súas opinións sobre a carreira cara ao 26X.

Suso de Toro a 670.
photo_camera Suso de Toro

-Quen vai gañando a campaña?

-Eu creo que se está a dar un fenómeno curioso no lado da esquerda e no lado da dereita española. No lado da dereita española, curiosamente Ciudadanos di que aínda que quede primeiro o PP, poden pactar con eles pero non aceptan o candidato, que é Mariano Rajoy, e no lado da esquerda, hai unha cousa non absolutamente igual, pero tamén dáse o mesmo, que é que o PSOE non aceptaría investir Pablo Iglesias e supoño que tampouco aceptaría outro candidato de Podemos. Entón dáse unha situación extraña que vai dar lugar a moitos pactos e é imprevisíbel absolutamente os pactos aos que se chegue, porque pode aparecer ao final ese caso da figura dun independente, dunha persoa independente, que tanto pode servir para formar un goberno maioritariamente conservador que un goberno maioritariamente progresista. Iso é o que vexo eu. Tamén hai outra cousa, non se pode dar por liquidado numericamente o PSOE, aínda que politicamente é un espectáculo de vaciamento político, é un partido nunha crise absoluta, hai un vaciamento absoluto pero numericamente o voto dos indecisos a quen afecta máis ao PSOE. Entón pode ser que se manteña. Non está claro o do sorpasso. Iso vese pola noite, ou de madrugada, o día das eleccións.

-Es escéptico sobre o sorpasso?

-Home, eu creo que esa é a tendencia, e é o máis probábel, agora non dou, nestas eleccións, ademais, non dou nada por firme.

-Esta campaña está aínda máis españolizada que a anterior, se cabe?

-Absolutamente. Absolutamente. A min faime moita graza que Galiza só aparece agora cando Pedro Sánchez alarma sobre o dereito de autodeterminación das nacionalidades e entón cítanos a nós, pero estamos vivindo das rendas dos anos 30, do republicanismo, do Partido Galeguista. Isto debe facer reflexionar o galeguismo político, o nacionalismo galego.

-Que che parece o papel que está a xogar o BNG na campaña?

-É moi meritorio o esforzo persoal, pero politicamente non ten espazo. Non hai espazo nesta campaña [para o Bloque]. Podería dicerse que o dono da campaña é o Grupo Planeta. Dous canais, Antena 3 e La Sexta, son os que realmente poden acabar poñendo presidente.

-E esta reivindicación de Zapatero, unha persoa coa que ti tiveche e tes bastante relación, por parte de Podemos como a valoras?

-Valoro que o PSOE se vaciou tanto de si mesmo que renunciou a Zapatero e os outros -que son pillos e listos e intelixentes- sábeno e aproveitan e fixeron ben. Iso é demérito do PSOE. Non se lle pode reprochar a Iglesias.

"Inclusive cabe a posibilidade de que o PSdeG, con Leiceaga, se transforme nunha forza máis autónoma politicamente que En Marea"

-Ves unhas terceiras eleccións?

-Non as vai haber. É imposíbel. Nen Europa nen os comisarios europeos nen ninguén...é imposíbel...nen Estados Unidos o permitiría.

-OK. Suso, moito obrigado por nos atender.

-Só unha cousa antes de rematar. Despois das eleccións na Galiza corresponde repensar o galeguismo político. E desde logo é evidente que como Podemos, segundo todas as previsións, vai ser un éxito político, goberne ou non goberne ou fique na oposición, pero vai ser un éxito eleitoral, pois como consecuencia En Marea tamén vai ser un éxito. Entón a partir de aí teñen que asumir as súas responsabilidades co país tamén. Non se pode invocar a galeguidade se non se é consecuente. É evidente que non van ter grupo parlamentar tampouco. Agora ben, de aí para adiante terán que repensalo tamén eles, se van ser algo para o país ou non. Porque inclusive cabe a posibilidade de que o PSdeG, con Leiceaga, se transforme nunha forza máis autónoma politicamente que En Marea. É unha posibilidade que está aí diante. En todo caso, a situación de Galiza como nación é dunha debilidade extrema. Como nunca houbo. É dunha debilidade política como nunca houbo.

Comentarios