O pleno de Santiago dá luz verde á Medalla de Ouro da cidade para Tereixa Navaza e Luís Pasín Liñares

Tamén se acordou a designación como fillos predilectos de Santiago para Aurichu Pereira a título póstumo e mais Ezequiel Méndez Vidal, e como fillos adoptivos a José Porto Buceta e, a título póstumo, a Manuel Quintáns Suárez. Aliás, unha rúa levará o nome de Luís Rial Suárez.
A 'Alba de Compostela' decorrerá no pazo de Raxoi. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pazo de Raxoi, no Obradoiro, sede do Concello de Santiago. (Foto: Nós Diario)

O pleno do Concello de Santiago deu luz verde ás distincións acordadas pola comisión de condecoracións, aprobando así conceder a Medalla de Ouro da cidade á xornalista Tereixa Navaza González e mais ao pintor Luís Pasín Liñares. Na reunión do pasado 31 de xaneiro, o consello asesor de condecoracións acordou que se trasladasen as concesións de honra, títulos e distincións para sete figuras relevantes en diferentes ámbitos e cunha vinculación por nacemento ou residencia con Compostela.

Desta maneira, o Concello recoñece a traxectoria do ex concelleiro Pasín Liñares e da xornalista Tareixa Navaza con senllas Medallas de Ouro. A pintora Aurora (Aurichu) Pereira Carballo, ademais, recibe o título de Filla Predilecta a título póstumo, honra que tamén se lle outorga ao divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez Vidal.

O párroco José Porto Buceta e o profesor Manuel Quintáns Suárez a título póstumo son nomeados Fillos adoptivos da cidade, e a maiores o Concello ten luz verde para colocar unha placa e pór o nome dunha rúa ao xornalista radiofónico Luís Rial Suárez.

Segundo se recolle no Regulamento de títulos, honras e condecoracións do Concello de Santiago, os títulos de fillo ou filla predilecto poderanse outorgar a persoas que "destacasen polos seus méritos ou calidades persoais, especialmente nos ámbitos cultural, científico, social, artístico, deportivo, político ou económico" ou por servizos prestados en beneficio da cidade, a persoas nadas no concello ou fóra no caso dos fillos predilectos adoptivos.

En canto ao nomeamento das rúas, o regulamento dispón que lle corresponde ao pleno da corporación outorgar as vías municipais ou estabelecementos, centros ou instalacións do concello o nome de persoas físicas, organismos, institucións e entidades que, a xuízo da corporación, reúna "méritos suficientes sexa por servizos e actividades especiais realizadas a favor da cidade no caso de organismos, institucións ou entidades", ou ben pola "relevancia indiscutíbel no ámbito científico, cultural, artístico, deportivo ou social no caso das persoas físicas".

Comentarios