Pilar Rojo suspéndelle unha semana os dereitos como deputado a Fajardo

A presidenta do Parlamento adoptou esta decisión após interromper o deputado de AGE a conselleira de Traballo. 

Manuel Fajardo
photo_camera Manuel Fajardo [Imaxe AGE]

É a primeira vez que algo así acontece, cando menos desde que Beiras fora sancionado polo daquela presidente da Cámara, Vitorino Núñez, durante un mes, por se negar a abandonar unha comisión en que se debatía a reforma do Regulamento. Naquela altura toda a oposición exixira a demisión de Núñez por considerar "partidista" a decisión.

Após a presentación dun recurso perante o Tribunal Constitucional, o daquela deputado do BNG, gañou pola vía xudicial que recoñeceu a excepcionalidade da súa expulsión. 

Na cuarta feira (26 de Novembro) a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, expulsou o deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo e suspendeulle durante unha semana os seus dereitos como deputado. A decisión foi adoptada pola responsábel do lexislativo após interromper Fajardo a intervención de Beatriz Mato, conselleira de Traballo. 

A medida adoptada por Pilar Rojo supón a suspensión da acta como representante político, da súa condición de aforado e do salario que percibe no exercicio das súas funcións. Aliás, non poderá volver á Cámara até despois de 7 días. 

Minutos antes de finalizar a sesión parlamentar, na que Mato respondía pola situación que atravesa a empresa de embalaxe de Vilagarcía, Lantero, na que @s traballador@s manteñen unha folga perante o ERE anunciado pola dirección. Após chamarlle á orde en varias ocasións Rojo advertíu ao deputado que o Regulamento a ampara (no seu artigo 18) para proceder á suspensión que finalmente foi formalizada. 

Esta quinta feira, AGE presentou un "recurso" perante a Mesa do Parlamento ao considerar "arbitraria" a decisión adoptada pola presidenta. 

Comentarios