Pedro Branco será o novo delegado do Goberno español na Galiza tras a marcha de Besteiro

O aínda responsábel da Delegación deixará o cargo para encabezar a candidatura do PSOE ao Congreso pola circunscrición de Lugo.
Pedro Blanco, avogado de UXT. (Foto: TVG)
photo_camera Pedro Branco, avogado de UXT. (Foto: TVG)

O responsábel dos servizos xurídicos do sindicato UXT na Galiza, Pedro Branco Lobeiras, será o novo delegado do Goberno no país despois da saída de José Ramón Gómez Besteiro para liderar a candidatura do PSdeG ao Congreso na circunscrición de Lugo. Besteiro recalou no posto hai menos de tres meses, en substitución doutra figura de peso no partido que marchou tamén a Madrid, José Miñóns, na actualidade ministro de Sanidade.

Así veñen de confirmalo fontes consultadas pola axencia Europa Press, que explican que a decisión será ratificada polo Consello de Ministros na mesma semana na que se debe producir o cesamento de Besteiro para que poida ser elixíbel o próximo 23 de xullo. En concreto, o prazo para a presentación das candidaturas arrinca esta cuarta feira, día 14, e estenderase até a próxima segunda feira, día 19.

Nado en Monfero (comarca do Eume) en 1968, é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e, ademais, é técnico superior en Prevención de Riscos Laborais. Na actualidade é coordinador e profesor da área de laboral e de seguridade social da Escola de Práctica Xurídica da USC, así como socio fundador do bufete 'Branco & Guerra avogados' e ex membro da xunta directiva do Consello de Avogados de Santiago.

Tamén é o director dos servizos de xurídicos de UXT e avogado laborista do sindicato. Durante o Goberno de coalición de PSOE e BNG na Xunta entre 2005 e 2009, aliás, foi asesor do conselleiro de Traballo, Ricardo Varela.

Afiliado ao Partido Socialista desde 1991, sendo integrante da agrupación local de Santiago de Compostela, é secretario de Emprego da executiva do PSdeG capitaneada por Valentín González Formoso, persoa á que é moi próximo.

Entre outros casos, Branco foi un dos avogados que levou a demanda dos sindicatos UXT, CIG e CCOO pedindo a anulación do ERE de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo, comarca da Mariña, e que o TSXG resolveu a favor do interese dos traballadores e traballadoras.

A duración de Pedro Branco como delegado do Goberno español na Galiza pode non superar a do seu predecesor. De resultar das eleccións do vindeiro 23-X un resultado que dea o Goberno estatal ao Partido Popular, a súa destitución deste posto sería cuestión de tempo.

Comentarios