18-F | ENTREVISTA

Paula Prado: "Un escenario aberto é unha ilusión óptica da esquerda: as enquisas dan a absoluta ao PP"

A compostelá Paula Prado, secretaria xeral do PP na Galiza, confía en que a súa forza política revalidará a maioría absoluta no Parlamento galego. Porén, afirma que até que fechen as urnas o domingo non se pode asegurar nada.
Paula Prado, xecretaria xeral do PP na Galiza e candidata número 2 do PP pola Coruña. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera Paula Prado, xecretaria xeral do PP na Galiza e candidata número 2 do PP pola Coruña. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

A tan só tres xornadas para o fechamento da campaña electoral, Nós Diario desprazouse a pasada segunda feira ao Parlamento da Galiza para coñecer como enfronta o Partido Popular as últimas horas previas aos comicios. Unha vez que Alfonso Rueda, o candidato do PP á Xunta da Galiza, desbotou atender esta entrevista, conversamos coa secretaria xeral dos populares na Galiza, Paula Prado, que é número 2 do PP pola Coruña, arredor das principais cuestións que marcan a axenda política durante a recta final.

—As enquisas sinalan un escenario aberto para o 18 de febreiro, cales van ser os temas nos que o Partido Popular vai focalizar os últimos días de campaña para mobilizar o seu electorado?
Creo que o feito de que se fale dun escenario aberto é unha ilusión óptica da esquerda, en realidade todas as enquisas dan maioría absoluta ao Partido Popular, o CIS é a única que nos dá un intervalo sorprendente, entre 34 e 38 escanos. Tezanos [o presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas] esta vez pasouse un pouco de freada.

Detrás está en realidade Sánchez [o presidente do Goberno do Estado español], que xa non cre nin no seu candidato, e o fía todo á candidata do BNG. Eu o que vexo nas enquisas é un transvasamento de voto dentro da esquerda, nós temos moi consolidado o noso voto, o que perde o PSdeG gáñao o BNG, que ten o seu teito, mais é certo que os socialistas están moi baixos, e o que van deixando recólleo o Bloque. O BNG vai subir o que baixe o PSdeG. Aberto eu non o vexo.

Imos facer o que estamos facendo estes días, defender as 870 propostas do noso programa electoral para resolver os problemas dos galegos, que é para o que nos votan. Seguiremos explicando as medidas en materia de familia, de emprego, de política social, sanitaria, educativa... así imos continuar.

@nosdiario

🗣A tan só tres xornadas para o fechamento da campaña electoral, Nós Diario desprazouse a pasada segunda feira ao Parlamento da Galiza para coñecer como enfronta o Partido Popular as últimas horas previas aos comicios. Unha vez que Alfonso Rueda, o candidato do PP á Xunta da Galiza, desbotou atender esta entrevista, conversamos coa secretaria xeral dos populares na Galiza, Paula Prado, que é número 2 do PP pola Coruña, arredor das principais cuestións que marcan a axenda política durante a recta final. 📝Ricardo Suárez 📸Yuri Carrazoni Mier 📲Le a entrevista completa en nosdiario.gal

♬ sonido original - Nós Diario

—Confían ao 100% en que non van perder a maioría absoluta?
Até que as urnas fechen o domingo non se pode asegurar nada, sería un exercicio de soberbia, mais si é verdade que a mellor enquisa é o contacto coa xente, e nós estamos moito na rúa e vemos moi bo ambiente, a xente é proclive a votarnos. Noutros procesos electorais notas cando as persoas, ao mellor, están un pouco descontentas coas cousas que fas, e neste momento eu vexo certa estabilidade.

—Se dependese o Goberno do apoio de Democracia Ourensá, estarían abertos a un pacto?
Non contemplamos esa posibilidade. Valoramos o pacto coas urnas, cos galegos e coas galegas, e ter maioría absoluta, que é ao que aspiramos e é o que confiamos que vai acontecer o próximo domingo, o 18-F.

—O día 14 hai un debate entre Pontón e Besteiro en RTVE, por que declinaron ir?
Nós o que dixemos é que íamos debater, non nos negamos a iso. Mais xa houbo un debate, e todos os grupos políticos estivemos de acordo en que fose na CRTVG. Tamén houbo outra proposta, que era facer un cara a cara, coa persoa que designe o multipartito, porque, segundo as enquisas, ningunha opción ten unha maioría para gobernar en solitario. No ano 2020, a candidata Ana Pontón opoñíase a que houbese un cara a cara con Gonzalo Caballero porque supuña adiantarse aos resultados electorais. Nese sentido, se ese multipartito elixe unha persoa candidata, haberá un debate.

—Non temen que non asistir ao debate de RTVE lles poida prexudicar dalgunha maneira?
O presidente Rueda debate cada 15 días na Cámara galega, non ten medo a debater, así o fixo na CRTVG co acordo de todos os grupos que fixeron parte. A idea era facer aquel e outro máis, o que non hai é un acordo sobre como facer ese outro, se mañá nos din que a representante de ese multipartito é Ana Pontón, non hai ningún problema, e se nos din que é Besteiro, pois el.

—A Cadena SER ofreceu un cara a cara entre Rueda e Pontón, que representa a segunda forza nas enquisas e na Cámara galega.
A Ana Pontón de 2020 opinaba diferente á de 2024. Unha non vía ben un cara a cara entre PSdeG e PP, e a de 2024 cambiou de opinión, igual hai que preguntarlle a ela polo motivo.

—As palabras de Núñez Feixoo sobre un posíbel indulto condicionado para Carles Puigdemont están colándose na campaña, cren que lles poden afectar?
A esquerda, no canto de presentar as propostas que ten para a Galiza, así como o seu proxecto, se é que o teñen, o que fan é enredar con cousas que poden afectar á campaña. Nós non imos perder nin un minuto en cousas que nos pretende meter a esquerda para enlamar a campaña e para desviar a atención da Galiza e dos problemas dos galegos, dos que queremos falar.

—Falando de problemas da poboación galega. Hoxe hai menos empregos industriais que hai 15 anos. Cales son as propostas do seu partido para intentar reverter esta situación?
Non é correcta esa afirmación, hai máis emprego que antes.

—Son datos da Enquisa de Poboación Activa, a EPA.
Non quero entrar en discusión dos datos, mais o que si é certo é que agora hai moitas posibilidades máis de xerar emprego na industria e se non se crean non é pola nosa culpa. Levamos iniciativas de xeración de proxectos industriais e hai moitos pendentes na Galiza, por exemplo Altri, que son máis de 4.000 postos de traballo que dependen de que o Goberno de España saque dun caixón os fondos que ten paralizados. O problema de Alcoa tamén depende dunha decisión do Executivo do Estado, que tampouco cumpre coa aprobación dun estatuto de electrointensivas. Até en dúas campañas veu Pedro Sánchez prometelo, e aínda seguimos sen telo. Tamén hai postos de traballo que dependen da Lei do Litoral, que nós aprobamos, por certo sen o apoio do BNG e do PSdeG, e que ademais recorreu este último.

—O sector primario ten moitos problemas, a mortaldade do marisco, as vedas a zonas de pesca, o regulamento da agricultura e a gandaría ou os baixos prezos do leite. Que cren que se debe facer para mellorar estas situacións?
É certo que hai unha lexislación europea bastante prexudicial. O Goberno estatal debería defender os intereses do sector agrogandeiro español, e aí entra tamén, por suposto, o galego. E ademais existen cuestións como o caso da pesca de arrastre que son consecuencia da imposición dun ecoloxismo radical.

—E que propoñen desde as competencias da Xunta da Galiza?
Temos un programa con medidas concretas para o sector primario. Temos medidas realistas, mentres que as doutras forzas baséanse máis na ideoloxía.

Comentarios