O BNG lamenta que os orzamentos nazan “obsoletos” e non sirvan para afrontar a crise “sanitaria, económica e social

Ana Pontón critica un Feixóo en "piloto automático do absolutismo" que vetou as 505 emendas do Bloque.

Pontón parlamento Europa press

O proxecto de orzamentos aprobado en solitario polo PP, e desbotando as centos de emendas presentadas pola oposición, non son os acaídos para facer fronte á actual situación de crise sanitaria, social e económica.

Así o manifesta a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que mantén que as contas nacen “obsoletas” e que deberían de se reorientar para facer fronte ao escenario de crise derivada da pandemia.

"Están obsoletos antes de ser aprobados porque non reverten os recortes en sanidade, non rescatan aos sectores que máis sofren a crise, non destinan nada a mudar os sistema de atención aos maiores e non sentan as bases dunha nova política económica sustentable", alegou a líder do BNG, "por iso hai que reorientar estes orzamentos e conseguir unhas contas capaces de afrontar a crise sanitaria, económica e social".

Ofreceu o apoio do BNG para ese camiño mais o PP rexeitou as 505 emendas presentadas pola formación nacionalista para dar un uso alternativo a 1.500 millóns de euros, incluíndo un plan de axudas directas á hostalería por importe de 80 millóns.

Ao veto a esta proposta de axudas directas, Pontón sumou os atrancos que está poñendo a Xunta a un acordo das tres administracións a favor dun plan de rescate da hostalería, no que cada unha achegue o mesmo esforzo orzamentario.

A líder nacionalista pide a Feixóo que recapacite "e abandone o piloto automático do absolutismo inútil que practica neste Parlamento, onde o PP non acorda nin busca consensos de país”.

Entre esas aportacións, o Bloque trasladou as cuestións que considera prioritarias e que plasma nas súas emendas, sintetizadas en catro ámbitos. Reforzar a sanidade pública para dotala dos medios necesarios na loita contra a pandemia, pero tamén para preservar a saúde das persoas máis aló do virus. En segundo lugar, rescatar os sectores que máis están sufrindo a crise compensando as perdas seguindo o modelo alemá, como no caso da hostalería, comercio ou cultura.

Como terceira prioridade, poñer en marcha un novo modelo de residencias que teña como obxectivo “o dereito a unha vellez digna, pero as contas do PP recollen cero euros nesa dirección, pese a que Galiza sofre un sistema altamente privatizado e deficitario, de tal xeito que aspirar a unha praza pública implica até dous anos de espera”.

E como cuarta prioridade da reordenación orzamentaria do Bloque sentar as bases dun novo modelo económico “sustentábel e baseado na ciencia e na investigación que aproveite todo o potencial produtivo do país. Combater a pobreza nunha Galiza máis desigual, aposta pola I+D+i, reforzar a loita contra a violencia de xénero e a promoción da lingua tamén figuraban entre as emendas presentadas”.

Comentarios