Os orzamentos da Xunta para 2021 prevén 1.500 millóns menos que os de 2009

O presidente da Xunta presentou o proxecto de orzamentos para a Galiza de 2021 como os de "maior gasto da historia". Porén, sen ter en conta a inflación, os datos amosan que en plena pandemia, a Galiza terá un orzamento de até 1.500 millóns de euros menor ao de 2009, antes da chegada de Núñez Feixoo á Xunta. 
O presidente Alberto Núñez Feixoo no Consello da Xunta (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente Alberto Núñez Feixoo no Consello da Xunta (Foto: Arxina)

De "oportunidade perdida para a Galiza" e de "falla de orientación e de ambición para a afrontar a crise", así cualificaron os grupos da oposición no Parlamento galego (BNG e PSdeG) o anteproxecto de Orzamentos Xerais da Galiza para 2021 que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, presentou esta sexta feira, 20 de novembro, aos medios após rematar o Consello de Goberno. 

En función dos datos ofrecidos por Feixoo na rolda de prensa, -a proposta das contas non se fixo pública e até a vindeira segunda feira non será entregada aos grupos parlamentarios-, os orzamentos alcanzarán 11.563 millóns de euros e "esgotarase o teito de gasto", situado en 11.664 millóns, ao sumar outros 92 millóns en créditos para a dinamización empresarial. 

Son as maiores contas "da historia", dixo o presidente, cun "reforzo histórico do gasto social". Así, en función do anunciado, os orzamentos aumentarán 13,93% a respecto dos do pasado exercicio (10.149 millóns) e 14,9% de contabilizar eses fondos para créditos dotados de 92 millóns.

Xunto ao presidente estivo na rolda de prensa o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que destacou como "principal novidade" a disposición de "novos fondos": un dotado de 503 millóns denominado 'Covid', outro, 'React- EU' con 430 millóns; un terceiro con 115 millóns de 'Consenso' e outro "de garantía de investimentos sanitarios", que prevé 105 millóns.

Dentro do primeiro fondo, o 'Covid', 264 millóns son para sanidade, 13 para turismo e 92 para educación, mesma cifra que o Estado destina para a Galiza no fondo Covid-19 de ensino. Con todo, non é posíbel corroborar se eses 92 millóns que anuncia a Xunta son do Estado, ao non facerse pública a proposta de orzamentos.

Precisamente, a oposición criticou a opacidade da Xunta. "O afán propagandístico do presidente é tal que alcanza a presentación do proxecto de orzamentos, rompendo co hábito de remitir o documento das contas públicas ao Parlamento ao día seguinte da súa aprobación polo Goberno, e decide confiscalo tres días para poder lanzar a súa propaganda sen que poidamos ter acceso aos datos", denunciou a xefa da oposición e portavoz do BNG, Ana Pontón.

Menos cartos que en 2019 

Con dureza cargou contra Feixoo a líder do Bloque desmentindo que se traten "dos orzamentos co teito de gasto máis alto da historia, porque descontando o efecto da inflación, a Galiza contará para saír da pandemia con máis de 1.000 millóns de euros menos que os que tiña en 2009".

A cuestión é que nese ano, antes de Feixoo chegar á Xunta, o orzamento para Galiza estaba en 11.426 millóns de euros. Case 12 anos despois, tendo en conta a suba do IPC, en termos reais, o novo orzamento  de 2021 deixa o país con 1.500 millóns de menos.

Aliás, Feixoo inclúe nas súas contas fondos da Unión Europea para Galiza, como o 'React-EU' e do Estado. 

Todo apunta, engadiu a nacionalista, que "será unha oportunidade perdida despois de ver como o presidente utilizaba a presentación das contas para repetir os mesmos titulares de cada ano, mesmo en plena pandemia".

Nese sentido, Pontón cualificou de "inaudito" que no medio da crise o mandatario actúe como no "día da marmota" repetindo "un ano máis" que as contas públicas serán "as máis sociais". A líder do Bloque botou de menos que o xefe do Executivo concretase o anunciado incremento en sanidade, cando "só a Atención Primaria precisa dun investimento adicional urxente de 200 millóns", explicou, e que tampouco fixese "mención ningunha ao que recolle o proxecto en materia de coidado das persoas maiores, tendo en conta o drama que se está a vivir nas residencias".

"Sen orientación" 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou a súa “preocupación” sobre os orzamentos de 2021, á vista de que a “medida estrela que inclúen consiste en dar a cada estabelecemento hostaleiro uns 500 euros".

Así o salientou logo de que Feixoo anunciase a ampliación das axudas directas á hostalaría até 17 millóns de euros; "unhas axudas que aínda non percibiu ningún hostaleiro na Galiza a pesar de que pasaron xa máis de 20 días desde que comezaron os fechamentos dos negocios", recriminou o xefe de filas do Partido Socialista. 

“Esta medida está fóra da realidade e das necesidades que ten a Galiza”, remarcou Caballero, á vez que fixo fincapé en que o Goberno que deseña este tipo de actuacións “non está á altura” para facer os orzamentos que require o país, "máxime nun contexto como de crise como o actual", explicou. “Cómpre que o gasto social e o respaldo aos sectores produtivos protagonicen as contas da Xunta”, incidiu Gonzalo Caballero. 

Menos de 1% do orzamento a consenso

Un dos fondos anunciados polo presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, dentro do anteproxecto de orzamentos para 2021, é o de 'Consenso' e estará dotado con 115 millóns de euros, é dicir, 1% de todo o previsto nas contas do Goberno galego. Chámase de 'Consenso' porque, segundo indicou o xefe do Executivo, o destino deses cartos consensuarase con sindicatos, empresariado e partidos da oposición na comisión parlamentaria de reactivación económica, social e cultural.

Para a xefa da oposición e líder do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, isto é un "claro exemplo" da política de Feixoo, xa que só reserva para isto "menos de 1% do gasto, no que máis ben parece unha versión cutre de orzamentos participativos”, criticou, “o que deixa claro que nin ten proxecto de país nin interese algún en chegar a consensos no Parlamento a favor da Galiza”.

Comentarios