18-F | Vídeo

De "papá Alfonsito" á súa "impuntualidade" e "humor": o PP lanza un vídeo que retrata o lado máis persoal de Rueda

Feixoo afirma que o actual presidente da Xunta é "unha persoa da que te podes fiar" e deixarlle "as chaves da casa ou do coche".
Alfonso Rueda, coa súa muller e fillas. (Foto: PP)
photo_camera Alfonso Rueda, coa súa muller e fillas. (Foto: PP)

"Unha persoa normal, traballadora, próxima e confiábel", con sentido do humor —"súper gracioso"— e algún "defectiño": a impuntualidade. Así definen o presidente da Xunta e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda, "papá Alfonsito" para as súas fillas Marta e Beatriz, nun vídeo que o PP lanzou para mostrar o lado máis persoal do seu cabeza de cartel principal para as eleccións do 18 de febreiro. Os populares estrearon esta cuarta feira un vídeo no que se trata de debuxar o seu perfil máis persoal a través do testemuño de quen mellor o coñece: a súa familia, os seus amigos, e algúns compañeiros de partido, entre eles o ex presidente galego e líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, e o ex presidente do Goberno español Mariano Raxoi.

"É o meu pai, que é como calquera outro pai, supoño", arrinca unha das súas fillas un vídeo no que alternan distintas imaxes de momentos da vida do dirixente popular con declaracións de diferentes membros da súa contorna, como a súa muller, Marta Coloret, quen di que Rueda deixa o seu posto fóra e na casa "é Alfonso". Del afirma que o que máis goza son os paseos en moto ou as ceas xuntos, ás veces a deshora, momentos que aproveitan para "porse ao día".

Pero Rueda tamén se presenta como un fillo que saca tempo para preocuparse pola súa nai a pesar da súa apertada axenda. Polo menos iso afirma Lola de Valenzuela, quen destaca que entre os valores que lle inculcaron estaba ter un emprego ao que "volver" se quería dedicarse á política. A nai do presidente galego recalca que agora está en política "porque lle gusta e porque quere", a pesar de que o seu pai llo desaconsellara. Pero Lola de Valenzuela destaca, sobre todo, do seu fillo que é "fiel" e cumpridor se dá a "palabra".

Sentido do humor e "impuntualidade"

As súas fillas lembran os seus almorzos con el e poñen o foco no seu sentido do humor. "É unha persoa súper graciosa, pero ninguén o capta até que o coñeces de verdade", afirma unha delas, despois de que a outra incidise en que todo o mundo pensa, nun primeiro contacto, que é "súper serio".

Á marxe do sentido do humor, o seu amigo Marcos Sánchez tamén destaca a súa "franqueza". Que fala de forma directa e "sen acritude", á vez que pon no foco algún defecto: "Mellor que conduza eu sempre". Pero a coincidencia xeneralizada é que o principal defecto de Alfonso Rueda é a impuntualidade. "Non chegou cedo a ningún lado", di unha das súas fillas, extremo que comparte José Benito Suárez, quen tamén incide en que, en todo caso, é porque "é o último en marchar".

Xesús Palmou, o seu primeiro xefe na Xunta, na Consellería de Xustiza e Interior, cando Manuel Fraga dirixía o Goberno galego, reduce a "anécdota" ese defecto e enxalza a súa profesionalidade con proximidade.

Tortilla e cervexa

No vídeo tamén aparece Adrián González, camareiro no bar pontevedrés 'O canon de pau', do que o presidente é asiduo. "É un cliente como outro calquera, ao que pola mañá pódelo ver almorzar á beira dun butaneiro ou de calquera outro traballador que estea na barra", relata. Mentres, o ex alcalde de Cambados José manuel Cores Tourís non escatima en boas palabras sobre o presidente galego, do que afirma que é fácil telo "contento", xa que abonda con tortilla e unha cervexa.

Feixoo confíalle as chaves

En clave política, xunto con Cores Tourís, Palmou ou Raxoi, a voz máis destacada é a do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, dado que traballou co que posteriormente sería o seu sucesor man a man desde que en 2006 sucedeu a Fraga como líder dos populares galegos —o que inclúe unha primeira fase na oposición entre 2006 e 2009, e máis tarde ser a súa man dereita na Xunta até que o propio Rueda tomou os mandos—.

Feixoo destaca as tres "materias primas claves" que ten o seu sucesor para ser "un bo político e un bo presidente": ser "un bo profesional", ter sentido do humor e gozar da política. "É unha persoa da que te podes fiar, que non mente e á que lle poderías deixar as chaves do teu coche ou da túa casa", engade o líder do PP, mentres que Raxoi afirma que "raramente" fala de política con Rueda, senón que máis ben abordan asuntos deportivos.

Pero o tamén pontevedrés recalca que percibe en primeira persoa o agarimo que os galegos lle profesan a Rueda. "É un home cunha enorme vontade, que se sobrepón ás dificultades, que lle dedica moitas horas e que é moi próximo e cordial", conclúe.

Comentarios