Entrevista

Óscar Valadares (Mar de Lumes): "Hoxe, a loita dos pobos do mundo é pola soberanía"

Óscar Valadares é o voceiro da organización internacionalista galega Mar de Lumes. Aproveitando o décimo aniversario da fundación da entidade, analiza para Nós Diario os retos do colectivo, no marco dun contexto internacional cheo de incertezas e onde o recurso á guerra gaña forza en todo o planeta.

Óscar Valadares. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O activista Óscar Valadares. (Foto: Nós Diario)

—A solidariedade con Palestina está activando o movemento internacionalista na Galiza. Como analizan desde a resposta social do país e que lectura fan desta nova fase de agresión de Israel contra o pobo palestino?
Por sorte, na Galiza existe unha sensibilidade internacionalista importante. O noso pobo identifica ben os conflitos no mundo e ten demostrado saber situarse do lado das vítimas, e non cos agresores. No caso da Palestina, e malia toda a propaganda, a liña é clara e a resposta masiva. Non hai moitos conflitos capaces de concitar máis de 200 convocatorias en pouco máis de dous meses. E iso explícase pola gravidade desta fase en forma de xenocidio.

—As raíces do conflito palestino veñen de lonxe, responden a unha dialéctica propia, pero sitúanse nunha lóxica a nivel internacional. Onde sitúan neste movemento a contradición principal a nivel mundial?
Se formos capaces de tirar o que cada conflito ten de particular, o que vemos é que a loita dos pobos do mundo é pola soberanía. Cada cal desde a súa posición e coa súa correlación de forzas. Isto é evidente no caso das nacións sen Estado, como a nosa, como Escocia, como os Països Catalans ou Euskal Herria, ou como o Sáhara Occidental.

Pero tamén en moitos pobos con Estado propio. Hugo Chávez falaba do antiimperialismo como a loita pola segunda independencia de Venezuela. En definitiva, cómpre un Estado propio, mais necesitamos que sexa verdadeiramente soberano, porque a soberanía é a condición previa para as verdadeiras políticas de emancipación social. Ou entón o que temos, para expolo graficamente, é o modelo africano desde os anos 60 con Estados formalmente independentes pero sometidos aos intereses das ex metrópoles ou dos Estados Unidos. É evidente que isto non serve para nada. E algúns deses pobos africanos estano xa a demostrar.

—Coincide este rexurdir do movemento internacionalista na Galiza coa conmemoración do décimo aniversario de Mar de Lumes, que valoración fan da actividade desenvolta nesta última década?
Honestamente cremos que estes dez anos de internacionalismo contribuíron para ese rexurdimento. O que pretendimos desde o primeiro momento foi dotar o país dunha ferramenta que non tiña, unha organización internacionalista con vocación para actuar en todos os conflitos que se presenten, que son moitos, porque hai moitos pobos loitando pola súa liberdade, desde a autoorganización e colocando Galiza como suxeito político. Puxémonos en contacto coas organizacións de solidariedade que xa había con Cuba, con Venezuela, con Palestina ou co Sáhara, para nos pórnos ao seu dispor.

E no resto facemos a nosa actividade até onde nos é posíbel. Fixemos, por exemplo, un traballo moi intenso denunciando a agresión imperialista contra Siria, disfrazada de primavera árabe. E tamén en apoio ao Sáhara, onde o Estado español ten un papel particularmente vergoñento.

—Atesouran xa un importante labor neste ámbito. A maiores das esferas nas que están intervindo, en que en outras cuestións teñen pensado actuar nos próximos anos?
O certo é que a pauta de acción case nunca a marcamos nós, porque por moito que planifiquemos. Se o Estado terrorista de Israel decide desatar un xenocidio, a prioridade é evidente. Mais si somos conscientes da débeda que temos cos pobos de África, por exemplo. E temos analizado que precisamente ese continente se está a converter xa nun dos grandes escenarios xeopolíticos que se abren neste século.

O combate ao imperialismo

Óscar Valadares asegura a Nós Diario que “nós temos claro que o noso primeiro deber é combater o imperialismo no ámbito máis inmediato, que é o do Estado español e o da Unión Europea”. A este respecto, explica que isto resulta chave “non só porque estas estruturas vivan precisamente de negar os pobos que someten no seu interior. Senón porque, no marco da globalización capitalista, fan parte do campo agresor e benefícianse claramente da rapina e da opresión doutros pobos”.

O voceiro de Mar de Lumes considera que “estamos asistindo a unha abertura multipolar que xa veremos a onde camiña, mais que, como mínimo, está a contestar a hexemonía do bloque imperialista, con novos axentes reclamando outras formas de relación, e deberemos seguir isto con atención”. Neste punto, defende abrir novas liñas de actuación.

Comentarios