VÍDEO | Crise dos pellets

Puente sinala as "mentiras" da Xunta na busca de pellets: "Dixeron que mobilizaran barcos que non se moveron do porto"

"Se había que buscar no mar, que fixeran vostedes desde que este episodio se coñeceu? Non sacaron nin un só barco. Logo empezaron a sacar algún, e sobre todo o que fixeron foi pasar aos medios de comunicación, cada día, unha listaxe dos barcos que interviñan na busca. Mais, como é costume no Partido Popular, mentiron", asegurou o socialista, respondendo a unha intervención previa do portavoz do PP, Miguel Tellado.
O ministro Óscar Puente dirixíndose á tribuna de oradores do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro Óscar Puente dirixíndose á tribuna de oradores do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A chegada ás praias de toda Galiza de millóns de pequenos pellets de plástico debido aos colectores que o buque Toconao perdeu a comezos de decembro pasado fronte á costa de Viana do Castelo (Portugal) derivou en fortes críticas á xestión da Xunta da Galiza, que protagonizou durante semanas un intenso cruce de acusacións co Goberno estatal. O pobo galego fixo sentir o seu malestar nunha multitudinaria manifestación en defensa do mar o pasado 21 de xaneiro.

Co paso dos días, desde San Caetano foron modificando a súa versión especialmente no que atinxe a unha cuestión chave: cando tivo coñecemento a Xunta da vertedura? Nun primeiro momento o Executivo de Alfonso Rueda defendeu que non foi até comezos de xaneiro cando Moncloa trasladou a información da que dispuña sobre a vertedura do Toconao e a súa chegada á costa, malia que logo acabou por admitir, por boca do conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, que o sabía desde o 13 de decembro, se ben matizaba que coñecían a vertedura mais "non se sabía de onde viñan", e insistía en que o Executivo español si dispuña desta información "a través de Portugal". A pesar diso, a Xunta non actuou até que estoupou a 'crise dos pellets' en xaneiro.

Porén, o 17 de xaneiro Nós Diario desvelou en exclusiva a documentación da Xunta que certifica que a propia Administración galega soubo da presenza de pellets en praias do país aquel 13 de decembro de 2023. Aliás, desde o Concello de Ribeira afirmaron que deran aviso do sucedido á Xunta en canto chegaron aos seus areais os primeiros pellets e, tal e como apuntaban desde o Goberno local a este xornal, trasladáronlle un informe o día 14.

Desde que o Goberno galego se viu obrigado a elevar ao nivel 2 a alerta pola emerxencia ambiental, o relato centrouse en culpar o Estado da "falta de medios" para dar no mar cos sacos; unha misión, porén, que as persoas expertas xa advertían practicamente imposíbel. A Xunta afirmou entón que non precisaba máis medios terrestres para limpar as praias, mais demandaba o envío de un submarino, 11 embarcacións, un avión e helicópteros para combater a crise no mar.

Durante os días seguintes a Xunta da Galiza gabouse nas súas redes sociais de mobilizar máis medios que o Goberno español, ao que acusaba de non achegar os suficientes. Mais esta actuación do Executivo de Rueda quedou tamén cuestionada no pleno do Congreso desta cuarta feira, durante unha disputa verbal entre o portavoz do PP, Miguel Tellado, e o ministro de Transportes, Óscar Puente.

"Cando vostedes pediron medios marítimos, eu desvelei que a Xunta da Galiza tiña un montón de barcos e dous helicópteros e que non os utilizaba. Se había que buscar no mar, que fixeran vostedes desde que este episodio se coñeceu? Non sacaron nin un só barco. Logo empezaron a sacar algún, e sobre todo o que fixeron foi pasar aos medios de comunicación, cada día, unha listaxe dos barcos que interviñan na busca. Mais, como é costume no Partido Popular, mentiron", asegurou o socialista.

"E saben por que sei que mentiron?", engadiu o deputado, que apuntou: "Porque nós temos Salvamento Marítimo e, por tanto, sabemos que barcos saen á mar e cales non, témolo rexistrado". A continuación, Puente mostrou a listaxe de embarcacións que saíron do porto eses días e afeou o que ve unha "mentira" da Xunta: "O barco Ría de Vigo, entre o 12 e o 17 [de xaneiro], non se mobilizou nin un só día á busca de pellets. Permaneceu amarrado no porto todos os días; porén, foi incluído pola Xunta, cada un destes días, nos informes de mobilización de unidades remitidos ao Plan Camgal".

O ministro expuxo tamén o caso do buque Irmáns García Nodal: "No mesmo período de tempo, só realizou un movemento, o cambio de atraque. Porén, tamén foi incluído pola Xunta na relación de medios mobilizados", censurou, ao tempo que cualificou os feitos denunciados de "vergoña".

Comentarios