Aberto a novas incorporacións

Sete organizacións constitúen o comité para homenaxear o Che no 50 aniversario do seu asasinato

Son BNG, UPG, MGS, FOGA, PCPG, Asociación de Solidariedade con Cuba Francisco Villamil e CIG. Atenden unha proposta internacionalista lanzada polo Goberno boliviano que lidera Evo Morales.

che
photo_camera Guevara, fotografado en Bolivia semanas antes do seu asasinato

Ernesto Guevara de la Serna foi asasinado en Bolivia en outubro de 1967 nunha operación dirixida pola CIA e 50 anos despois a formación de esquerdas e anti-imperialista MAS (Movimento ao Socialismo) que goberna aquel país, ben como o Comité Internacional da Conmemoración do Cincuentenario da Presenza do Che en Bolivia, decidiu lanzar unha convocatoria internacionalista para que en todo o planeta se organizasen tributos a un dos líderes fundamentais da Revolución cubana.

Na Galiza quen recolleu a luva foi a UPG, partido integrado no BNG, quen convocou esta pasada terza feira unha reunión na Sede Nacional aberta a todos aqueles colectivos que quixesen sumarse ao chamado de Evo Morales e constituíren un Comité Nacional Galego de homenaxe ao Che.

Acodiron á reunión constitutiva representantes de BNG, MGS, FOGA, PCPG, Asociación de Solidariedade con Cuba Francisco Villamil e CIG. Estas organizacións consideran, informa a UPG en nota de imprensa, "que a figura e opensamento de Ernesto Che Guevara son merecentes de divulgación, estudo e homenaxe, debido á súa traxectoria de loita, á súa práctica internacionalista e á leitura dialéctica do marxismo que realizou, comprendendo que a loita dos pobos pola súa liberdade está indisolubelmente unida á loita polo socialismo".

"Consideramos ademais que é preciso recuperar o pensamento de quen foi un dos humanistas e revolucionarios máis importantes do século XX fronte á mercantilización da súa figura por parte de aqueles contra os que sempre loitou", acrecentan.

O Comité Nacional Galego está aberto a incorporacións de "todas as organizacións galegas que concorden nos obxectivos propostos" e manterá unha segunda reunión, xa para avanzar na programación de actividades a realizar, a vindeira segunda feira 31 de xullo, na sede da UPG, a partir das 17 horas.

Comentarios