Chaman a criar un Comité Nacional Galego para homenaxear o Che no 50 aniversario do seu asasinato

Ernesto Guevara de la Serna, un dos líderes máis carismáticos da Revolución cubana, foi asasinado en outubro de 1967 polo Exército boliviano nunha operación supervisada pola CIA. 50 anos despois, a UPG toma a iniciativa e propón a constitución dun Comité Nacional Galego para render tributo ao Che con motivo deste aniversario.

che
photo_camera Che Guevara, fotografado en Bolivia o ano en que foi asasinado

A Unión do Povo Galego convoca unha reunión esta cuarta feira ás 17 horas na súa sede nacional, en Compostela, "aberta a todas as organizacións e colectivos sociais que quixeren formar parte do Comité Nacional Galego" para comemorar o 50 aniversario da morte do Che a mans do imperialismo.

"Entendemos", afirma nun comunicado o partido integrado no BNG, "que a figura e o pensamento do Che son referentes para todas aquelas persoas, organizacións e colectivos que consideramos que a loita pola liberación nacional e o socialismo están indisolubelmente unidas". "Por iso", acrecenta a UPG, "pensamos que sería positivo constituír na Galiza un Comité Nacional Galego para organizar unitariamente actividades arredor da figura do Che na conmemoración do 50 aniversario do seu pasamento".

Este tributo galego ao Che viría a se sumar ao conxunto de actos que -por iniciativa do goberno de Bolivia, o país ao que Guevara entregou a súa vida- se están a programar a escala internacional.

Comentarios