O PPdeG acusa a Unión Soviética da invasión á Ucraína 31 anos após a súa fin

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, en rolda de prensa após a xunta de portavoces. Animou a "condenar rotundamente o réxime comunista soviético de Putin e o seu interese por voltar á antiga URSS"
Paula Prado, viceportavoz parlamentar do PPdeG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Paula Prado, viceportavoz parlamentar do PPdeG (Foto: Nós Diario).

Os tres grupos do Parlamento galego encóntranse negociando aínda unha declaración institucional de condena e logo da presentación dunha proposta por parte do PSdeG, o PP atribúe a invasión de Ucraína por parte de Rusia á Unión Soviética, máis de tres décadas despois da súa fin.

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, en rolda de prensa após a xunta de portavoces. Animou a "condenar rotundamente o réxime comunista soviético de Putin e o seu interese por voltar á antiga URSS, vulnerando desta maneira a liberdade e soberanía do pobo ucraíno".

"Condena rotunda" do BNG

Nun intento por furgar en posíbeis desencontros internos no BNG, cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, reiterou onte a súa "condena rotunda á cruenta invasión de Ucraína", Paula Prado pediu ao Bloque "altura de miras" e o "apoio" ao texto que agora se negocia. "Agardamos que non faga coma sempre unha política cativa por non apoiar o pobo ucraíno para non dicir a verdade, e a verdade é que os comunistas están invadindo un pobo soberano e libre como é Ucraína". Putin lidera o partido ultraconservador Rusia Unida, co que chegaron a ter contacto directo membros do PP español en diversas ocasións.

Paula Prado asegurou, ademais, que o debate sobre a declaración institucional que pretenden pactar os tres partidos a partir dunha proposta do PSdeG é "cuestión de matices", pero advirte de que o PP cre "importante citar as bases da Constitución española e da OTAN".

"Unha agresión a un país soberano", apunta o PSdeG

As declaracións institucionais que o PSdeG impulsará nos concellos galegos, anunciadas este martes polo seu secretario xeral, Valentín González Formoso, e a aprobada xa na Deputación da Coruña, lembran que a invasión de Ucraína por parte de Rusia é “unha agresión a un país soberano” e alertan de que pode virar nunha "traxedia humanitaria na zona e en Europa”.

Desde o BNG, o seu viceportavoz parlamentario, Manuel Lourenzo, voltou hoxe a mostrar a súa "condena rotunda á invasión de Ucraína" e a mostrar a "solidariedade do BNG con toda a súa poboación".

Comentarios