O BNG súmase á petición de retirada das tropas rusas

Ana Pontón reitera a condena do Bloque á invasión de Ucraína e traslada "toda a solidariedade co pobo ucraíno".
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG (Nos Diario).
photo_camera Pontón pide a retirada das tropas rusas (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou esta sexta feira a condena da súa formación á invasión de Ucraína e súmase á petición da retirada das tropas rusas, ao tempo que traslada toda a solidariedade co pobo ucraíno.

"A nosa cabeza e o noso corazón están co pobo de Ucraína, que está sufrindo unha situación intolerábel, e por iso queremos volver dicir non a esa guerra, e dicir que hai que retirar as tropas rusas", salientou, mentres trasladaba todo o apoio á poboación, "porque as guerras sempre teñen intereses imperialistas detrás, mais o grave é que mentres os imperios gañan, os pobos perden", subliñou. Desde o BNG insisten nunha volta á diplomacia como "único camiño para lograr a paz".

Carballo de Conxo

A líder nacionalista fixo estas declaracións durante a visita ao Carballo do Banquete de Conxo para pedir un "último esforzo" no proceso de votación e lograr que sexa recoñecido como árbore europea do ano, tendo en conta que, "ademais do seu valor natural, ten unha significación vinculada á historia da Galiza significando valores de igualdade, fraternidade e liberdade, máis necesarios que nunca".

O futuro da Xunta

Noutra orde, Pontón tamén fixo referencia á crise do PP, "non tanto polo futuro de Feixoo senón polo futuro da Galiza". Preguntada por se unha hipotética marcha do presidente do PP galego facilitaría un cambio político no país, a líder do Bloque evitou entrar nunha anticipación de acontecementos, aínda que si enumerou tres cuestións que, ao seu xuízo, condicionan a decisión de Feixóo.

"A primeira, que quere garantías de que Ayuso non será unha competidora porque o que espera é unha alfombra vermella; a segunda, que é consciente da debilidade do seu goberno e, a terceira condicionante, que é plenamente consciente de que hai unha alternativa sólida que é a que representa o BNG, e que se hoxe se convocaran eleccións teño a absoluta certeza, igual que penso que a ten o señor Feixoo e o PP, de que estamos en disposición de disputarlle a hexemonía e a presidencia da Xunta", explicou.

A portavoz do Bloque insistiu tamén  en que Feixoo deber "aclarar" a súa valoración sobre os 283.000 euros de comisión que tería recibido o irmán da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, por parte dunha empresa que recibiu contratos 'a dedo' do goberno de Madrid. "Considera ético que se beneficiara deses contratos no peor da pandemia?", interpelou.

Comentarios