O PP terá que explicar no Parlamento por que o Sergas nega a atención sanitaria ás mulleres inmigrantes

O BNG pide explicacións para os 30 casos denunciados de persoas que non foron atendidas nos centros de saúde públicos da Galiza e reclama coñecer as medidas previstas pola Xunta para dar información ''veraz e completa'' de todos os supostos en que a atención foi negada
photo_camera Imaxe da mobilización do domingo na Coruña. FGI

O PP terá que explicar no Parlamento galego por que o Sergas non atende as mulleres inmigrantes. Perante as denuncias presentadas por varias organizacións que traballan con persoas inmigrantes en que alertaban que os hospitais xa non as atenden, a voceira de Sanidade do BNG, Ana Luísa Bouza, trasládaas á Cámara a través de diversas iniciativas parlamentarias.

Así, en datos facilitados recentemente, Médicos do Mundo contou entre xaneiro e marzo até 30 casos de pacientes inmigrantes @s que lles foi denegada, ou complicada sen necesidade, a atención médica primaria. "Seguramente haberá moitos máis, mais son estes os que chegaron a nós", explicou a voceira da ONGD, Ana Mateo, durante a rolda de prensa en que presentou a mobilización deste domingo, que percorreu as rúas da Coruña baixo o lema É racismo. Non é austeridade e que estaba convocada por Esculca, Asociación sen Papeis e Foro Galego de Inmigración, ademais de Médicos do Mundo.

Nesa trintena de casos xúntanse circunstancias de todo tipo, desde embarazadas en situación irregular ás que lles reclamou a tarxeta sanitaria --o decreto que regula a atención sanitaria na Galiza exclúe de todas as medidas a menores e xestantes-- como mulleres en situación de prostitución ás que se lle denegaron probas ou a profilaxe de prevención despois da rotura dun preservativo.

En virtude da citada norma, aprobada pola Xunta en setembro de 2011, fíxase un mínimo de 183 días de empadroamento --seis meses-- para dispor dunha tarxeta sanitaria. Pola atención nos servizos de Urxencias o Sergas está a emitir unha factura. As persoas que non puideren pagala acumulan unha débeda coa Seguridade Social que lles impedirá regularizar a súa situación.

Por todas estas cuestións vai preguntar o BNG no Parlamento. Ao entender de Bouza, este panorama confirma "as ameazas de desigualdade e deterioro da atención á saúde" e constata, así mesmo, que "as peor paradas" cos recortes na Sanidade son as mulleres, sobre todo aquelas que son inmigrantes e están empregadas no traballo doméstico e "agora" as grávidas "malia o discurso natalista do Goberno galego". Ao fío, a nacionalista preguntará "que medidas ten previstas" a Xunta para garantir unha información "completa e veraz" sobre os datos reais de persoas que non están a ser atendidas nos centros de saúde dependentes do Sergas.

Comentarios