O PP rexeita sancionar a Igrexa polo roubo do Códice e pide ''recoñecer'' a súa ''aportación histórica''

A oposición critica a presencia de Rajoy no acto de entrega do manuscrito, e o BNG exixe máis unha vez responsabilidades políticas: que a Xunta incoe un expediente ao clero e revise os acordos sobre conservación do patrimonio. O Museo da Catedral xa anunciou unha exposición para o verán da cal fará parte o Códice orixinal

Após o achádego do Códice Calixtino nun garaxe nos arredores de Compostela, a visita a Galiza do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, no acto de entrega do manuscrito á Igrexa levantou bochas nas filas da oposición. Mentres o PSOE entendeu que Rajoy procurou "furtar o mérito á policía" coa súa presenza, desde o BNG as críticas foron máis aló: cualificaron de "esperpéntica" a cerimonia realizada en Santiago e exixiron que se lle abra un expediente á Igrexa por incumpriren coa obriga de velar polo patrimonio.

A petición de responsabilidades políticas chegou tan pronto como apareceu o Códice. Porén, desta volta o voceiro do grupo parlamentar do PP, Pedro Puy, saíu ao paso das críticas e mostrouse taxativo: nin unha investigación nin unha sanción, o que cómpre é "recoñecer a importancia" que a Igrexa seica tivo no desenvolvemento cultural da Galiza. "Lonxe de pensar que non fai todo o que pode, hai que facer un recoñecemento pola súa aportación histórica", espetou Puy, quen manifestou a intención do seu partido de "colaborar" no coidado do patrimonio a cargo desta institución.

Mentres, desde o BNG, Ana Pontón reiterou a exixencia de que tanto a Igrexa --"que ten a obriga de custodiar a obra"-- como a Xunta --"que por lei debe garantir a protección do patrimonio"-- expliquen o acontecido e se fagan cargo das súas responsabilidades no roubo. Aludindo ás "grandes eivas" ao redor da valorización dun patrimonio "moi desprotexido", nomeadamente aquel a cargo do clero, Pontón clamou por un inventario de todos os bens que esta institución posúe "e en que estado se atopan".

Así as cousas, Pontón instou o Goberno galego a incoar un expediente sancionador contra a institución eclesiástica ao entender que "incumpriu claramente a lei", alén de se adoptaren medidas "para que a conservación do rico patrimonio deste país sexa unha realidade". Lonxe de tal intención, o voceiro d@s conservador@s, Pedro Puy, insistiu en que "se hai que facer algo, corresponde á autoridade competente", e dixo non ver "sobreactuación" ningunha no evento que protagonizou Rajoy e que a oposición viu "electoralista".

Pola contra, a fotografía de Rajoy e Feijóo co arcebispo e co deán foi, ao entender de Puy, a "constatación" da "repercusión internacional" que tivo a recuperación do Códice. Quizais aproveitando tal repercusión o Museo da Catedral vén de anunciar unha mostra dedicada ao manuscrito, que durará de dous a tres meses e na cal "parece razoábel" que se expoña o orixinal do Códice, segundo confirmou o director do Museo catedralicio, Ramón Yzquierdo. Desde o BNG insistiron, máis unha vez, na necesaria revisión de acordos entre a Xunta e a Igrexa para que "algúns" bens muden a titularidade, ao dar por demostrado que "os acordos actuais son ineficaces" tras o acontecido co manuscrito.

Comentarios