Vinte e un nomes compoñen a listaxe de persoas que a título individual queren render homenaxe ao nacionalista e fundador da Unión do Povo Galego (UPG): Mar Álvarez Muro – José Modesto Álvarez Muro – Xurxo Álvarez - Nemesio Barxa - Francisco Carballo – Lois Diéguez - Natalia Escrig – Miguel Anxo Fernández Lores – María do Carme García Negro – María Pilar García Negro - Saleta Goi - Xosé Lois González, O Carrabouxo – Bernardino Graña – Felipe Senén López - Ana Paz Vilar – Millán Picouto – Néstor Rego – Francisco Rodríguez – Antón Sánchez Ribeiro - Xesús Seixo – Marisa Vázquez Barquero.
O propósito do acto é "facermos pública a necesidade de coñecermos e recoñecérmonos na figura de Bautista Álvarez", enfatiza García Negro
O acto vai consistir nun xantar-homenaxe que se realizará o vindeiro 2 de marzo no Restaurante O Pórtico (Cacheiras, Teo) e que levará por lema 50 anos de militancia nacionalista. Trátase dunha convocatoria "aberta a calquera persoa que desexe participar", afirma, en declaracións a Sermos Galiza, Pilar García Negro, membro da comisión organizadora. Quen desexar aderir esta iniciativa pódeo facer comunicando a súa presenza através dun teléfono de contacto ou un enderezo electrónico: 981 57 02 65 - [email protected]
Pilar García Negro, tamén directora da Fundación que leva o nome de Bautista Álvarez, salientou que o propósito do acto é "pór en valor" unha "persoa fundamental na historia galega contemporánea". O fundador da Unión do Povo Galego, que neste 2013 cumpre os 80 anos de idade, posúe unha dilatada traxectoria política, "vinculada tanto na práctica coma na análise política ao nacionalismo galego", afirma García Negro. Neste senso, "sabedoras e sabedores de que este recoñecemento era partillado e desexado por moitas persoas" do ámbito do nacionalismo, a comisión decidiu botar a andar a organización deste acto de homenaxe e "facermos pública a necesidade de coñecermos e recoñecérmonos" na figura de Bautista Álvarez.