A CIG CHAMA ÁS MOBILIZACIÓNS O VENRES, E A UNHA GRAN MANIFESTACIÓN O 1 DE XULLO

Xornada de concentracións contra o rescate

@s deputad@s do BNG na Cámara galega concentráronse ás portas do Parlamento para exixir un referendo sobre o rescate, nunha xornada marcada polas mobilizacións en vilas e cidades para mostrar o rexeitamento a unha decisión que afectará con dureza á cidadanía

 

"Queremos Democracia e queremos Debate social. Ningunha maioría parlamentar, por moi absoluta que sexa, pode tomar decisións que afectan á maioría social sen o necesario debate. Queremos Debate e queremos un Referendo sobre o rescate ao Estado español", salientou Guillerme Vázquez nunha comparecencia de prensa.

O BNG convoca hoxe (por volta das 20 horas) concentracións de protesta contra o rescate en cidades e vilas galegas.

A Coruña, ás 20:00 h., no Obelisco
Santiago de Compostela, ás 20:00 h, na Praza de Cervantes
Ferrol, ás 20:00 h, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza (Praza de España)
Ourense, ás 19:30 h, diante da Subdelegación do Goberno
Pontevedra, ás 20:00 h, na Peregrina.
Lugo, ás 20 h, na Praza Armanyá, diante da subdelegación do goberno
Vigo, ás 20 h, no MARCO.
A Estrada, ás 21 h, na Praza do Concello
Burela, ás 20:30 h, na Praza da Mariña
Vilagarcía de Arousa, ás 20 h, na Praza de Galiza

A CIG, pola súa banda, porá en marcha unha campaña de información, sensibilización e de mobilizacións, convocando actos nas empresas e na vía pública, xunto coa convocatoria de concentracións de delegados/as en todas as cidades o vindeiro venres, día 15 de xuño, e de  manifestacións nas sete comarcas de Galiza, o día 1 de xullo, para denunciar “o saqueo dos gobernos e da banca á clase traballadora”.

Para a Executiva Confederal da CIG, o rescate suporá a transferencia da débeda dos bancos ao sector público: o Fondo de Estabilidade Europeo estalle a prestar os cartos ao FROB, polo que medrarán déficit e débeda pública, o que carrexará novas medidas de recorte que empeorarán aínda máis as condicións de vida da clase traballadora e da maioría social, hipotecando o futuro da mocidade.

O secretario, Suso Seixo, afirmou que a  decisión de solicitar o rescate “é gravísima” e non vai garantir que flúa o crédito á pequena e mediana empresa, nin axudar a reactivar a economía e crear emprego. “Son cartos que van destinados unicamente a pagar os pufos que a banca española ten contraídos coa banca alemá. Vai agravar aínda máis a situación, non vai favorecer a recuperación económica e tampouco á creación de emprego. Terá consecuencias directas nas condicións de vida das persoas, rebaixará máis as condicións salariais e provocará un empeoramento da calidade dos servizos públicos”.

Comentarios