O alcalde de Ourense “suspendido de militancia” no PSOE e en minoría pola súa negativa a dimitir

O PSdeG decidiu suspender de militancia o seu rexedor. O partido está dividido, a executiva local apoia a Rodríguez e a dirección provincial a Pachi Vázquez. O BNG abandonou o goberno municipal, como advertira, deixando o alcalde en minoría.
Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense
photo_camera Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense

Francisco Rodríguez semella terse enrocado e négase a renunciar á alcaldía despois de ser imputado no marco do caso “Pokémon”, que investiga unha trama de corrupción. A súa defensa anunciou que recorrerán o auto de imputación decretado por Pilar de Lara alegando “falta de rigor xurídico”.

Todos os esforzos realizados polo seu partido, tanto a nivel galego como estatal, para forzar a súa saída cando restan menos de dúas semanas para o inicio da campaña electoral, fracasaron. Nin as presións exercidas por Antonio Hernando e Gaspar Zarrías, secretarios de política autonómica e municipal da executiva federal do PSOE, nin os chamados de Pachi Vázquez e Rubalcaba a que tomase unha decisión esta segunda feira “por riba de cuestións persoais”, fixeron recapacitar a Rodríguez, alentado polo seu entorno a continuar na alcaldía.

O alcalde fica arestora formalmente fóra do seu partido, despois de que o PSdeG, de acordo coa dirección federal do PSOE, decidise suspendelo de militancia de maneira inmediata. Esta sería a reacción, contundente, d@s socialistas despois da reiterada negativa do primeiro edil a dimitir.

 “Non hai ningún caso similar, non temos ningún outro alcalde en liberdade baixo fianza” Pachi Vázquez

No pulso que mantén coas direccións galega e estatal do seu partido, o aínda alcalde da cidade das Burgas, fundamenta a súa negativa a dimitir alegando que tal extremo non lle foi reclamado ao seu homólogo en Lugo, Xosé López Orozco, tras ser imputado no caso “Campeón”. O secretario xeral do PSdeG resolvía esta cuestión afirmando taxativamente que “non hai ningún caso similar, non temos ningún outro alcalde en liberdade baixo fianza”. Pachi Vázquez afirmou que manterá a súa posición firme de “tolerancia cero” e indicoulle a Rodríguez que “na vida pública hai algo máis que a inocencia”, chamándoo a ter en conta a “imaxe e representatividade do seu partido e da cidade”.

Nunha demostración de forza, o alcalde decidiu convocar para a tarde desta terza unha reunión da executiva local, que el propio preside, e da cal obtivo o seu apoio unánime para continuar no cargo. Unha hora antes tiña lugar unha xuntanza da dirección provincial, próxima a Pachi Vázquez, que avalou a posición do seu secretario xeral e a suspensión de militancia de Rodríguez. Esta quinta celebrarase unha asemblea local do PSOE que de brindarlle apoio ao aínda alcalde faría máis complexa a lea interna.

O BNG sae do goberno e deixa o alcalde en minoría

Tal e como decidira o seu Consello Local o pasado domingo, o Bloque Nacionalista Galego decidiu abandonar o goberno de Ourense en que participaban en coalición cos socialistas. A súa portavoz, e primeira tenente de alcalde, Isabel Pérez, anunciou a medida --que xa lle foi transmitida ao alcalde nunha xuntanza previa-- coa lectura dun comunicado perante os medios de comunicación. O grupo municipal nacionalista xa escenificara a súa ruptura co alcalde, coa ausencia da súa portavoz, Isabel Pérez, no pleno da pasada segunda feira.

A decisión farana efectiva o vindeiro día 27, para evitaren desatender a xestión das áreas que até agora dirixiron, cando está prevista unha reunión da Xunta de goberno previa ao pleno extraordinario que Rodríguez convocou para ese día. @s nacionalistas manifestáronse tallantes. “De non se producir o relevo antes da Xunta de goberno presentaremos a dimisión irrevogábel das nosas concellarías” afirmaron. A posición do grupo municipal do BNG é plenamente compartida polo candidato á Xunta do Bloque, Francisco Jorquera, quen esta segunda feira xa reclamara a dimisión dos alcaldes de Ourense e Boqueixón polas súas imputacións.

Adolfo Gacio renuncia a alcaldía de Boqueixón mais seguirá como concelleiro

O alcalde de Boqueixón, o popular Adolfo Gacio, imputado tamén no caso “Pokémon” e en liberdade provisoria despois de aboar unha fianza de 6.000€, presentou a súa renuncia á alcaldía, que ostentaba desde 1991.

Tanto Feijóo, como o presidente provincial do PP, Carlos Negreira, fixo presión para que o rexedor tomase algunha decisión tras a súa imputación. Porén, a permanencia de Gacio como concelleiro do grupo popular, con maioría absoluta no pleno, deixaría entrever que se trata dunha retirada cara á galería dado que o veterano dirixente seguiría a conservar, na sombra, o poder de decisión dentro do goberno municipal. Diversas fontes apuntaron que o socialista Francisco Rodríguez propuxo a mesma fórmula en Ourense, mais nin o seu partido nin o BNG apoiarían esa decisión na terceira cidade de Galiza.

O avogado de Gacio, Julio Lois, anunciou que o seu representado recorrerá o auto de medidas cautelares en que se fixaba a fianza de 6.000€. Asemade, cargou contra o tratamento recibido polo seu cliente, que entende “diferente” do que se lle dispensou a outros encausados, por exemplo ao verse obrigado a entrar esposado nos xulgados.

Fernández Liñares a prisión

O expresidente da Confederación Hidrográfica del Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares foi enviado a prisión por auto da xuíza de Pilar de Lara, despois de permanecer dez horas nos xulgados de Lugo. O tamén exconcelleiro socialista sería, segundo a investigación, unha das pezas chave da trama de corrupción que deu lugar ao caso. Precisamente, foi a Fernández Liñares a quen se lle incautou máis información nos rexistros realizados en dúas vivendas das cales é propietario. Arestora son dous os encausados que foron enviados a prisión. Fernández Liñares e o presidente do Grupo Vendex, G.O.R., quen xa anunciou a través da súa defensa que recorrerá o auto de prisión sen fianza.

Detido o Xefe da Policía Local de Ourense e un axente municipal de Lugo

Onte producironse novas detencións. A mediodía tres axentes de vixianza aduaneira procedían ao arresto do xefe da policía local de Ourense, A.U.P., nas propias dependencias policiais. Tamén foi detido un axente municipal retirado de Lugo, elevando a quince o número total de detencións efectuadas polo momento. Non se descartan novas detencións nos vindeiros dias.

Continúan as declaracións

Desde primeira tarde da pasada terceira feira, proseguiron as declaracións perante a sala número 1 do xulgado de Lugo. Nela compareceron J.R.P., funcionario do concello de Lugo ligado á ORA, e M.S.G., responsábel da empresa Sanle. Ambos os dous xa estiveron encausados dentro da operación Carioca, que investiga unha rede de prostitución en Lugo, e que tamén dirixe a xuíza Pilar de Lara.

Comentarios