Deteñen o concelleiro de deportes de Ourense

No caso de que o nacionalista Fernando Varela resulte imputado o BNG xa anunciou que pedirá que renuncie ás súas responsabilidades institucionais.

Esta mañá foi detido en Ourense o concelleiro Fernando Varela. O edil do BNG é o responsábel das áreas de deportes e vivenda no goberno municipal. No mandato anterior foi concelleiro de seguridade, departamento ao cal está adscrita a policía municipal, cuxo xefe, A.U, foi detido onte. Varela aínda non foi trasladado a Lugo para declarar. Descoñécense as posíbeis acusacións das cales sería obxecto.

Reacción inmediata do BNG

O grupo municipal nacionalista reaccionou con axilidade perante a detención, da cal aínda non transcenderon apenas datos. Nun comunicado, remitido hai poucos minutos, o BNG insistiu nas súas reservas xa manifestadas en relación ao procedemento xudicial do denominado caso Pokémon “por o considerar desproporcionado e pouco respectuoso cos dereitos das persoas”.

Con todo, afirman que actuarán en coherencia coa posición que veñen mantendo desde a primeira detención, a do socialista Francisco Rodríguez, e anuncian no caso de que o edil sexa finalmente imputado defenderán que “abandone as súas responsabilidades políticas”, amosándose convencid@s de que o propio Varela tomará por vontade propia esa decisión.

Comentarios