Ourense ou a enésima lea dun PSdeG localista

As reticencias de Francisco Rodríguez a deixar a alcaldía devolven ao primeiro plano as distorsións que xera un deseño municipalista como o tradicional do PSOE galego.

Após unha longa reunión da executiva local e en medio das presións de Santiago e mesmo Madrid, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, anunciou que pensa seguir no cargo malia a súa imputación por estafa e suborno na operación “Pokémon” e a ruptura da coalición do goberno anunciada polo BNG se non deixaba o cargo. Esta dura resistencia de Rodríguez a abandonar o seu posto pode entenderse tamén como un órdago á dirección galega do PSOE, que pensa suspendelo definitivamente de militancia, mais así volve sufrir como partido as consecuencias da súa configuración tradicional como simple punto de unión de distintos poderes locais, sen unha argamasa nacional clara .

Así, resulta imposíbel desligar a polémica xurdida dentro dos socialistas, a raíz da detencións ordenadas pola xuíza De Lara, do cal moit@s analistas teñen detectado como principal problema histórico do PSOE en Galiza, o de non conformarse como un partido de orientación nacional senón como unha simple suma de agrupacións locais con diferentes intereses. De feito, nunha organización política cunha visión galega resultaría case imposíbel de imaxinar que un alcalde dunha importante urbe se negase a deixar o seu cargo despois de ser imputado a poucos días dunhas eleccións autonómicas baixo o argumento de que “o primeiro é a miña cidade”. Mais iso ocorre no PSOE. No que agora lidera Pachi Vázquez, mais tamén en anteriores etapas históricas.

Unha boa proba puido verse na confección das listaxes. Entrementres outras organizacións poden ter certas disputas internas nese trámite normalmente para dar cabida a distintas visión ideolóxicas, nas importantes leas con que @s socialistas completaron as súas candidaturas -para alegría de Feijóo e o PP- o principal argumento sempre foi o das cotas territoriais, con problemas perante a inclusión ou non de representantes de determinado grupo municipal ou dirección provincial, sen que se coñecesen diferencias entre eles na proposta política. Por ilustrar o caso, aínda non se sabe como de distintos son os proxectos de Francisco Caamaño ou Mar Barcón, mais si se escoitaron dentro do PSOE hai unhas semanas voces sobre que “a Costa da Morte está moi representada e A Coruña pouco”. É un exemplo. Mais vén dunha tradición.

Sen dúbida, o gran construtor dese PSOE municipalista que defende o concello como principal instrumento de acción política, mesmo por riba das institucións do autogoberno galego como a Xunta ou o Parlamento do Hórreo, chámase Francisco Vázquez. O ex-alcalde coruñés -en moitas ocasións acusado de “galegofobia”- liderou o partido durante anos, sempre cos poderes locais como prioridade, conformando así unha especie de pinza con Manuel Fraga mediante a cal este non facía moita presión nos concellos do PSOE -nomeadamente na Coruña- e os socialistas tampouco presentaban gran batalla a nivel nacional, onde chegaron a ser a forza minoritaria na Cámara. Só o efecto Zapatero, do cal se aproveitou Emilio Pérez Touriño, xerou unha maior estratexia de país no PSOE, mais sempre de forma moi tímida, de feito alcaldes como Abel Caballero, López Orozco ou Sánchez Bugallo sempre ofreceron a sensación de ser máis poderosos dentro do aparato socialista que quen foi presidente da Xunta.

Esta tendencia municipalista do PSOE non variou coa chegada de Pachi Vázquez, que baixo un galeguismo formal mantivo unhas estruturas de poder locais superiores ás da rúa do Pino -sede do PSdeG- que lle provocaron desencontros relevantes, por exemplo, en Vigo. Solucionounos cun pacto electoral, mais as leas localistas estoupáronlle agora en Ourense, a súa provincia e onde está enfrontado co alcalde, imputado agora nun feo asunto que abre aínda máis dúbidas sobre o resultado do PSOE o 21-O. E tamén quinielas sobre que nivel de apoio alcanzarían historicamente @s socialistas en Galiza de teren apostado desde sempre por unha visión de país, non de suma de concellos.

Comentarios