O Parlamento galego aproba o teito de gasto cos votos en solitario do PP

BNG e PSdeG non o ven "á altura do desafío" e avisan de "desprotección" aos máis vulnerábeis.

Parlamento de Galiza Foto do parlamento
photo_camera Unha imaxe da sesión desta terza feira (Foto: Parlamento)

O teito de gasto de 11.664 millóns de euros para o ano 2021, "excepcional, prudente e rigoroso", en palabras do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, foi aprobado hoxe, terza feira, no pleno do Parlamento galego, só cos votos do PP.

A oposición, BNG e PSdeG, votou en contra ao entender que non está "á altura do desafío" que supón a crise sanitaria pola pandemia da Covid-19 e ao advertir de que é necesario "máis investimento" para non "desprotexer" os sectores máis vulnerábeis.

Na súa intervención na Cámara, o responsábel das contas galegas pediu o apoio de todos os grupos ao entender que este límite máximo de gasto non financeiro configura "o marco necesario para afrontar o momento excepcional que se está vivindo".

O Consello da Xunta deu luz verde a pasada quinta feira, 29 de outubro, a este teito de gasto non financeiro "excepcional" de 11.664 millóns de euros para 2021, que supón unha suba do 14,9% respecto ao ano anterior, 1.515 millóns máis.

Esta terza, no hemiciclo, o conselleiro de Facenda lamentou que "por terceiro ano consecutivo o teito de gasto chega ao Parlamento con atraso", pero asegurou que esta demora non é atribuíbel ao Goberno galego. “Esta demora que podería ser unha excepción este ano converteuse nun hábito co actual Goberno español", que "incumpriu sempre os prazos legais".

A Xunta  aspira a "estar en condicións de aprobar os orzamentos antes de que termine este mes de novembro".

Repartición

Tamén repasou a repartición destes 11.664 millóns, que supoñen o maior teito de gasto desde que existe este instrumento na Galiza, segundo insistiu o conselleiro.

A distribución é de 9.864 millóns de euros de ingresos ordinarios e 1.800 millóns de ingresos extraordinarios. Destes últimos, un total de 684,9 millóns proveñen da parte que lle corresponde a Galiza da transferencia extraordinaria do Estado ás comunidades e outros 430 dos recursos REACT-EU -axuda para a cohesión e os territorios de Europa-.

A eles súmanse outros 684,9 millóns correspondentes ao 1,1% de necesidade de financiamento.

Non convencen

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, resaltou que "se necesita investir máis e investir ben para rescatar á sanidade pública e dotala de máis medios" ante a pandemia.

A líder nacionalista citou José Luís Sampedro ao expor que "hai dous tipos de economistas, os que traballan para facer máis ricos aos ricos e os que traballan para facer menos pobres aos pobres", para situar a Xunta cos primeiros.

"Nesta década, coas súas políticas, provocouse unha alteración e o peso das rendas salariais baixou mentres as rendas empresariais soben", denunciou.

A continuación, alertou de que "a Covid acelerou todo este proceso social" e acusou o Goberno galego de "falta de anticipación e de previsión", o que, ao seu xuízo, "está a provocar que non se lle dea unha resposta adecuada e estase desprotexendo aos sectores máis vulnerábeis".

Por todo iso, augurou que este teito de gasto "non vai ser unha resposta á altura do desafío", pois "non se lle pode pór un corpiño ao investimento público necesaria cando está en xogo o futuro do país".

A deputada do PSdeG Begoña Rodríguez indiciou á Xunta que "non poden seguir con políticas de austeridade" e "sendo o alumno máis aplicado".

O debate orzamentario, para a socialista, "ten que ser diferente", xa que "sen saúde, todo o demais é secundario" e "sen loitar contra a pandemia non se vai a recuperar a economía".

"As administracións teñen que xerar confianza e pór todos os medios ao seu alcance para que os máis afectados por esta crise non queden atrás", aseverou.

Comentarios