A Xunta eleva os orzamentos de 2022 aos 11.571 millóns de euros

O conselleiro de Facenda prevé un crecemento do PIB de 5,5% este ano.
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, nesta quinta feira, após a reunión semanal do Consello da Xunta (Foto: Arxina).
photo_camera O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, nesta quinta feira. (Foto: Arxina).

O Goberno galego contará en 2022 cun orzamento de 11.571 millóns de euros, o que supón un lixeiro incremento de 0,7% a respecto do presente exercicio. Así o ratificou nesta quinta feira en rolda de prensa o presidente, Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta na que tamén interveu o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

As contas xa foron remitidas ao Parlamento da Galiza, que a vindeira semana deberá ratificalas. "Teremos un orzamento en tempo e forma en 2022, o que significa que a estabilidade política é rendíbel a nivel social e económico", dixo, ao tempo que salientou que, "de non ser pola sentenza do IVE de 2017, teriamos que baixar o teito de gasto por ese importe [211 millóns de euros que o Executivo estatal xa se comprometeu a devolver á Xunta]".

Pola súa banda, Martínez cualificou estas contas de "prudentes e realistas", e preveu un crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) "de 5,5%" no presente ano, e "de 6%" en 2022.

Bonificacións nas autoestradas autonómicas

Por outra banda, o Consello aprobou novos descontos para as autoestradas de titularidade galega —AG-55, entre A Coruña e Carballo, e AG-57, a do Val Miñor—, que se traducirán nunha bonificación de 100% na viaxe de volta para as familias numerosas, así como a extensión ás 24 horas posteriores a un traxecto de ida do desconto de 25% na volta e de 50% na segunda volta para usuarios e usuarias recorrentes.

Conferencia de Presidentes de Salamanca

Noutra orde de asuntos, o mandatario galego adiantou que levaría á Conferencia de Presidentes que se celebra nesta sexta feira en Salamanca un decálogo de propostas para facer fronte á pandemia, que clasificou en tres eidos: sanitario, económico e demográfico.

Así, entre outras cuestións, Núñez Feixoo exixirá o Estado que a Xunta xestione 50% dos fondos Next Generation, recuperar os niveis de subministro de vacinas de xuño, deseñar unha nova estratexia de vacinación e impulsar unha lei estatal de pandemias.

A respecto deste anuncio, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, lamentou que o presidente acuda á conferencia "sen propostas para a Galiza e repetindo o argumentario do PP", ao tempo que demandou unha comisión bilateral Xunta-Estado para negociar as cuestións pendentes para o país.

Comentarios